Skip to main content
Burela

Burela consegue 125.000 euros de fondos europeos para dous proxectos sobre o patrimonio pesqueiro

Por 13 Abril, 2024Sin comentarios

O Concello de Burela recibirá uns 125.000 euros de fondos europeos para dous proxectos de conservación do patrimonio pesqueiro e sensibilización ambiental. Deste xeito, o Goberno local celebra a aprobación dos dous proxectos presentados ao programa de axudas do Fondo Europeo Marítimo, da Pesca e da Acuicultura (FEMPA) na convocatoria correspondente a este ano.

O FEMPA é xestionado a través dos Grupos de Acción Local do Sector Pesqueiro (GALP), neste caso, do GALP A Mariña-Ortegal. A alcaldesa, Carmela López, asegura se trata dunha moi boa. “Estas axudas benefician non só ao sector do mar en Burela, senón tamén á mocidade, ó tecido asociativo, ó deporte e a toda a veciñanza en xeral, que son tamén protagonistas das iniciativas que presentamos”, afirma a rexedora.

O primeiro dos proxectos que se levarán a cabo é Burela alumea – O espello do Faro, creado en torno ao patrimonio material pesqueiro e a súa conservación e difusión. Este proxecto xira arredor do molde do Faro de Burela que foi empregado para a reparación deste tras os desperfectos que sufriu co temporal do ano 2014. A reparación do molde, e a realización dunha obra artística na estrutura, farán que este “funcione como espello en terra do Faro no mar”, explica a alcaldesa.

Obradoiros de radio e fotografía

A iniciativa está enfocada en particular a promover a participación das mozas e mozos de Burela, que exercerán como “detectives e difusores do patrimonio pesqueiro da vila a través de obradoiros de radio e fotografía”, sinala López. O segundo proxecto aprobado denomínase Ondas limpas – Programa de sensibilización e acción ambiental na contorna da Marosa e céntrase na concienciación comunitaria arredor do coidado do medio ambiente.

Consta de distintos eixos de acción: recollidas de lixo plástico nos areais, realización dunha obra artística con materiais de refugallo nun local no complexo deportivo municipal da Marosa, e realización de traballos técnicos para a erradicación da uña de gato no areal. Este proxecto, ademais, “ten como obxectivo reforzar a presenza e a práctica do surf entre a veciñanza, poñendo o foco nos deportes no mar como xeradores de actividade económica e benestar social”, destaca López.