Skip to main content
Foz

O PP de Foz denuncia a paralización das obras nas Casas Baratas

Por 12 Abril, 2024Sin comentarios

O PP de Foz quere saber os motivos da paralización das obras nas Casas Baratas –nas rúas Irmandiños, Curros Enríquez e praza de Galicia. “Hai que recordar que se trata dunhas obras que se anunciaron a bombo e platillo por parte do presidente da Deputación de Lugo e do alcalde de Foz antes das eleccións municipais; unhas obras que non están cumprindo cos seus obxectivos, especialmente, os prazos,” asegura voceiro popular, Javier Jorge Castiñeira.

Castiñeira asegura que os veciños e veciñas de Foz “se senten totalmente enganados por parte do ente provincial e do equipo de Goberno local, formado por PSOE e BNG. As Casas Baratas trátase dunha zona troncal da localidade que dá acceso ás praias, á zona turística de Foz e, tamén, ao Campo da Cabana e á zona portuaria.

“Tal e como se atopa esta zona estanse causando uns riscos e uns perigos que cremos que son inasumibles agora que se achega o verán e que haberá moitísimos vehículos circulando e moitas persoas na nosa vila”. Denuncian que os pasos de cebra atópanse “sen pintar, os pavimentos son provisionais, hai pedras en practicamente toda a zona e as bases das farolas están protexidas con conos” advirte o voceiro do PP de Foz.