Skip to main content
Ribadeo

A Plataforma Sanitaria da Mariña convoca unha concentración en Ribadeo

Por 9 Abril, 2024Sin comentarios

A Plataforma Sanitaria da Mariña convoca unha concentración diante do Centro de Saúde de Ribadeo ás 12 horas do venres 12 de abril, Día Internacional da Atención Primaria e coincidindo coa concentración que ese mesmo día ten convocada SOS Sanidade Pública, colectivo do que forma parte, diante do Parlamento galego.

A concentración, baixo o lema “Unha vez máis, na defensa da atención Primaria” , pretende denunciar a dramática situación que sufre este nivel asistencial tras as políticas de recortes e abandono aos que está sometida por parte do goberno da Xunta e do Partido Popular. A este respecto lembran que organismos internacionais como a OMS ou Unicef estableceron hai anos que a Atención Primaria de Saúde debe incluír a toda a sociedade para garantir a atención sanitaria e o benestar social de xeito equitativo e centrado nas necesidades das persoas.

Para eles son unhas recomendacións non seguen o goberno da Xunta e a Consellería de Sanidade que están a facer caso omiso ao promover a precarización deste nivel asistencial, recortando orzamento e persoal e sen garantir unha atención integral e de calidade. Na Mariña a situación da Atención Primaria é crítica. Na comarca da Mariña, cunha poboación de máis de setenta mil habitantes, o desmantelamento e privatización da sanidade pública están a producir un dano irreparable, pois os territorios rurais, cunha poboación moi envellecida e dispersa son os máis sensibles e os máis prexudicados por esta estratexia política destrutora.

Falta de persoal

Desde o colectivo sanitario sinalan que todos os centros de saúde da comarca están a sufrir eivas importantísimas na dotación de persoal que inciden directamente no seu normal funcionamento. As ausencias de persoal facultativo ou incluso as prazas vacantes por xubilacións nos se estar a substituír, xerándose por unha banda unha sobrecarga de traballo inasumible por parte dos médicos que teñen que asumir os cupos das persoas que faltan. Esto non só acontece no caso do persoal facultativo, senón que tamén existen importantísimas deficiencias en matronas, pois nestes momentos a comarca dispón de tres matronas en primaria para atender a todas as mulleres mariñás.

Por outra banda, a falta de pediatras na comarca desde hai moitos anos non foi solucionada con esas promesas lanzadas en plena campaña electoral e que resultaron ser cantos de serea. Desde Viveiro ata Ribadeo centos e centos de crianzas non dispoñen de pediatra desde hai moito tempo, tendo que ser atendidas moitas veces por médicos de familia sen a formación específica en pediatría e tendo que soportar agardas moi importantes, desprazándose a outras localidades ou mesmo acudindo a pediatras privados se é que dispoñen de recursos.

Desde a Plataforma Sanitaria da Mariña animamos a todas as veciñas e veciños a que acudan este venres ás 12 horas ao centro de saúde de Ribadeo para esixir ao goberno da Xunta que se vai constituír, o orzamento, os recursos humanos e materiais necesarios para que a Atención Primaria recupere a dignidade, calidade e eficiencia necesarias para atender á poboación como se merece.