Skip to main content
Ribadeo

Ribadeo impulsa a renovación do padroado do centro Pedro Murias

Por 10 Abril, 2024Abril 11th, 2024Sin comentarios

O Goberno local de Ribadeo impulsará a renovación do padroado do CFEA Pedro Murias e a realización de diferentes actividades nesas instalacións. Estes asuntos foron abordados polo alcalde na reunión mantida co director do Agacal. Desde o Concello seguen a traballar para poñer en valor estas instalacións.

“Todos sabemos que ten unha clara vocación, cunha formación específica na agraria, tamén na gandería e no forestal. Entendemos que é algo moi importante para o sector primario aquí en Ribadeo, pero debemos traballar todos para impulsar o centro de Pedro Murias e abrilo a distintas formacións e coa celebración dunha serie de actividades”, asegura Dani Vega.

Deste xeito, reuníronse coa Xunta de Galicia, concretamente do director do Agacal, para concretar cales son as liñas a seguir nos vindeiros días. “Desde logo pasan por renovar o padroado, ese padroado que é único en Galicia. Ningún outro centro de capacitación agraria conta cun padroado que vela pola vocación que nos deixou Pedro Murias moi clara, que é a formación no mundo agrario, grandeiro e forestal”. Queren manter esa liña, “pero sen pechar Pedro Murias a outra actividade e formación e tamén desde logo ir innovando e adaptándose aos tempos”.

O alcalde lembra que o padroado está sen renovar “desde a época de Eduardo Gutiérrez, polo tanto o tempo di que era importante renovalo e concretalo e nós imos facelo”. Deste xeito, “o Concello tamén participa e el debe ser o que vele polo futuro de Pedro Murias e ir propoñendo unha serie de actividades que son fundamentais para garantir o futuro do centro de Pedro Murias”.