Skip to main content
O Valadouro

O Valadouro concéntrase pola defensa da súa sanidade

A concentración convocada pola Plataforma en Defensa da Sanidade Pública da Mariña diante do Centro de Saúde do Valadouro en protesta pola falta de médicos foi masiva e foi un clamor en contra do abandono ao que o Partido Popular está sometendo ao rural galego, e de xeito especial e acentuado ao Valadouro en materias tan sensibles como é neste caso a sanidade e atención primaria”, sosteñen desde o BNG.

Así, explican que no Valadouro levan unha década “loitando por recuperar o servizo de pediatría que compartían co Concello de Alfoz que o PP eliminou”. Neste sentido, o portavoz nacionalista no Valadouro, Eduardo Chao, manifestou ao remate da concentración o seu agradecemento á veciñanza pola participación nesta mobilización e tamén á Plataforma polo apoio.

“Esta concentración vai marcar o inicio dunha loita na que temos que ir a por todas, porque en temas sanitarios non imos dar nin un só paso atrás. O PP machaca ao Valadouro, marxina ao Valadouro, e ante eso levaremos adiante iniciativas e accións para revertir esta situación porque O Valadouro ten que tér dous médicos e as nosas nenas e os nosos nenos tenen que dispoñer dun servizo de pediatría nas debidas condicións, como tiveron anteriormente”, afirmou.

Anunciou tamén que nos vindeiros días levarán ao Parlamento a través do deputado Daniel Castro este problema, esixindo a cobertura inmediata das dúas prazas de médico que lle corresponden ao Valadouro. “Agardamos tamén o PP tomara nota do sentir das veciñas e veciños porque á vista de todas e todos eles quedou claro que esta sigue a ser a Galicia que non funciona”, concluíu.