Skip to main content
Viveiro

Asociación Colonias Rueiras de Viveiro: “Contamos co programa para nenos Coñece ó gato comunitario”

Por 6 Abril, 2024Abril 7th, 2024Sin comentarios
Por Ana Somoza López.

Colonias Rueiras é unha nova asociación que xurdiu en Viveiro para xestionar as colonias de gatos. Falamos coa fundadora e tesoureira, Beatriz Lage.

Porque comezaches con esta idea?

Pois a historia comezou cando vin baixar a un gato dun camión de reparto nunha gasolineira en Celeiro, entón eu que xa tiña un gato na casa e queríamos ter outro, intereseime por el. Que pasou, que Nolito, estaba moi enfermo e non podía convivir co meu gato, entón comprometinme a coidalo, e así empecei a ter contacto con Mar, que é o outro 50 por cento da asociación , é a cabeza, a alma, as mans, é todo, eu so son a que fai papeis e pouco máis, dígolles que non hai cartos para todo polo momento e me repito moito. Entón comecei a ter contacto con ela e a súa actividade, unha actividade que esta socialmente deostada e é unha actividade case exclusivamente feminina.

Porque di deostada?

Pois as mulleres que a realizan din que escoitan ás voluntarias dicir que saían na madrugada para que os veciños non as viran, polo que pasaban automaticamente a ser as tolas dos gatos. Pasaba a ser unha persoa que non estaba ben vista pola veciñanza, e isto a min pareceume moi inxusto pois é xente que esta poñendo os seus cartos, o seu patrimonio e o seu tempo a unha causa que é polo ben da comunidade.

Así que xurdiu a idea de adaptarnos a o que a lei actual de protección animal esta esixindo que é un tipo moi especial de protectora de animais, que son as historias de colonias, que é unha forma legal que ata este 2023 no existía previamente.

Cantos membros sodes na asociación?

Somos 19 coidadoras pero contamos con 60 membros socios.

Que fan os gatos pola comunidade?

Os gatos na rúa é un ben para todos xa que evitan que haxa outro tipo de pragas ou outras especies non desexadas coma as ratas, as martas ou os xabaríns, e que son bastante territoriais.

En Viveiro hai protectoras de animais?

Si, existen dúas protectoras de animais que son Gadoupas e ‘Gato pirata, pero que só se están ocupando de mascotas, non do gato comunitario.

Cal é a diferencia de gato doméstico e comunitario?

Un gato comunitario non é unha mascota, por definición non necesitan interacción social co ser humano, só nos utilizan para obter recursos alimenticios dunha forma mais doada. O que pasa é que nun ámbito urbano os recursos adoitan ser desperdicios e iso enferma ás colonias. Non hai un fluxo de recursos constantes como nunha zoa rural, entón é por iso que a intervención humana é importante.

Cal é a función de Colonias Rueiras?

Pois partimos da base de que os concellos están obrigados por lei a alimentar e protexer a este tipo de animais, así que nós o que facemos é, grazas a unha  partida económica do Concello de Viveiro a través da consellería de medio ambiente, podemos contar con alimento e esterilización dos gatos dentro do método CER. As nosas voluntarias reparten ese alimento que nos esta provendo o Concello, e elas cazan os gatos para facerlles o método CER.

Que é o método CER?

É unha solución ao control poboacional de gatos rueiros que consiste na captura, esterilización e retorno. Cando se lles aplica o CER, os nosos gatos teñen unha marca na orella cunha forma moi especial que é un pequeno corte en forma de v que se lle practica no momento que se esteriliza.

Poñen chip aos gatos?

Non, porque non temos cartos, o ideal sería chipealos e facerlles controis de saúde mais exhaustivos. Si é verdade que o veterinario que temos no convenio é moi amable e o día que o vai esterilizar xa fai un control cunha serie de test.

Se se detecta algún problema que pasa?

Niso a lei tamén é moi estrita. Un gato comunitario só pode saír dunha colonia para o método CER, eutanasia ou estado moi grave de saúde que precise atención veterinaria urxente. Iso significa que se un gato sobrevive a un atropelo por exemplo, tense que sacar da colonia e levalo ao veterinario. Ademais os gatos comunitarios non son moi lonxevos, está entre 6 e 8 anos e un gato domestico pode chegar a 20 ou 22 anos.

Os gatos cambian o seu comportamento ao ser castrados?

Si, os gatos comunitarios non son amigables, pero teñen unha relación moi especial cas súas coidadoras, estas mulleres foron capaces de facer censos exactos en gatos que non se achegan a elas, polo que recoñecen pequenas características de cada un e entenden que ese gato non é da súa colonia aínda que sexan moitos. Despois da castración o que notamos é que son moito mais abordables, moitos mais dóciles, e tamén comen máis e son menos activos, de aí que necesitemos non só socios senón doazóns e facer campañas.

Cantos gatos haberá nas Colonias Rueiras??

Agora mesmo que estean traballando con nós pois serán uns 300 gatos dentro dunhas 17 colonias, e están repartidas por todas as parroquias de Viveiro.

Un gato acaba na rúa porque está abandonado, porque se perde ou hai outros motivos?

Un gato acaba na rúa porque nace na rúa e é o que sería estritamente un gato comunitario, a lei fala tamén dun tipo de gatos que se chaman gatos errantes, que son os gatos que son excluídos dun grupo social polo que buscan outro grupo ao que unirse. Nós temos un gran problema cos abandonos dentro das colonias, xente que abandonan as súas mascotas ou a camada recen nada dentro da colonia, e iso é un problema xa que o gato que nace nunha casa e se acostuma a ter recursos ilimitados acaba morrendo por que o pasa mal. O resto dos gatos son moi reticentes a que outros membros de fóra entren na colonia, polo que existe o risco de que lles peguen, é dicir, non existen loitas a morte, pero danse conflitos que non deixan que se integre con normalidade.

Como podo saber que é un gato da colonia e non un gato que escapou?

Só lle tes que facer unha foto e mandala á nosa asociación e as nosas coidadoras xa saben se é das nosas colonias ou non. Unha característica do gato comunitario é que son moi asustadizos e non son sociables.

A que chamamos superpoboación de gatos?

Hai superpoboación de gatos cando a veciñanza de esa colonia ten problemas con esa poboación de gatos, é dicir, os gatos por si sos non son unha praga, non desprazan outras especies autóctonas. Pero o problema vén si esa colonia está mal integrada na súa contorna co resto dos seres que conviven, polo que o resto de animais de fauna urbana ou os propios humanos, son unha praga de por si.

Nós por exemplo temos de forma estatutaria a obriga de mediar en conflitos veciñais, é dicir, moitas veces a xente moléstanlles os gatos por descoñecemento, porque non saben que función están a facer por e para eles.

Contan cun programa educativo, non?

Si, temos un programa moi chulo para nenos de Infantil, Primaria e Secundaria que se chama Coñece ó gato comunitario, que o que pretende é falarlle aos nenos e os papas de que é o que fai o gato comunitario por eles.

Tamén ofrecemos actividades coas comunidades de veciños, por exemplo, detectamos un problema nesa colonia pois o que facemos é ter unha reunión coa comunidade de veciños para ver como podemos mellorar as condicións para que todo o mundo estea máis contento, pois moitas veces a veciñanza queixase da sucidade. A isto hai que engadir que temos moitísima xente con moitísima vontade, que alimenta gatos fóra do control da colonia, que utiliza restos da súa comida e que a deixa tirada na rúa, polo que é unha forma de atraer outras especies que a colonia estaba controlando como roedores, o zorro, o xabaril, etc.

Para poder alimentar é preciso ter un carné?

Si, aínda no está rematado de todo na nova ordenanza municipal, pero vai estar penado, e vai ter unha multa por alimentar animais na rúa. Todas as nosas coidadoras teñen un carné de coidadoras de colonias.

Teñen o apoio da administración?

Si. Ao principio nós non estabamos constituídos como asociación e non puidemos facer un convenio co Concello, e polo tanto outorgounos o que lle permite a lei sen convenio, que son menos de 15.000 euros, e repartimos 7.500 para método CER, o que nos permite esterilizar 50 gatos aproximadamente, e a outra metade en penso. Nós o que queremos é conseguir mais cartos por fóra para esterilizar máis gatos, de hai que necesitemos de outro tipo de recursos.

Como responde á xente a vosa actividade?

A resposta e xenial, pola veciñanza, pola xente que se implica nisto, recibimos doazóns en forma de penso ou económicas, é dicir, que todo isto esta funcionando, pero o remanente que necesitamos anualmente é moito mais. Sempre cun compromiso do Concello de que o ano que vén poderase falar outra vez para facer un convenio, de destinar máis recursos do Concello.

Fan casas para as colonias?

Polo momento non. Nos estatutos puxemos que queremos homoxeneizar o aspecto das colonias para que a xente saiba que é unha colonia controlada. Gústanos moito a idea que está noutras cidades como Ribadeo, que é o uso dos iglús de vidro que non se usas para facer zoas de alimentación.