Skip to main content
Antas de Ulla

Antas presenta alegacións contra Altri baseándose nos efectos na saúde e nas producións agrograndeiras

Por 17 Abril, 2024Sin comentarios

O Concello de Antas de Ulla presentou  alegacións ante á Consellería de Economía e Industria da Xunta de Galicia polo proxecto de Altri en Palas de Rei, amosando a súa “preocupación polos potenciais impactos no noso municipio das posibles emisións de gases e partículas a atmosfera”.

As alegacións baséanse “nos potenciais efectos de inmisións na contorna e os seus efectos sobre a saúde humana, os ecosistemas e as producións agrícolas e gandeiras”, explica a alcaldesa, Pilar García Porto. En concreto, o Concello expresa a súa preocupación polos potenciais impactos das posibles emisións de gases e partículas á atmosfera.

Tamén manifestan a súa preocupación polas potenciais inmisións asociadas derivadas da actividade produtiva da factoría de Greenfiber sobre os terreos e augas de Antas de Ulla, “que poidan ter incidencia directa ou indirecta sobre a saúde humana, ecosistemas e masas forestais, así como as producións agrícolas e gandeiras, tanto en réxime convencional como ecolóxico”.

A composición de gases potencialmente contaminantes e a existencia de partículas e aerosois, “vai depender dos axentes químicos que se utilicen no proceso produtivo, das condicións de operación dos distintos procesos (presión, temperatura, pH, catalizadores, procesos químicos, bioquímicos ou biolóxicos) así como das medidas correctoras, e das condicións de evacuación dos gases á atmosfera”.

Preguntan se respecta a normativa ambiental

Deste xeito, o Goberno local solicita da autoridade ambiental competente que ditamine con precisión “se o proceso de fabricación presentado polo promotor, en todas as súas fases e etapas, está conforme coas disposicións da UE sobre o obrigado uso das Mellores Técnicas Dispoñibles (MTD)”.

Ademais, demandan se “á vista do proxecto presentado e da análise exhaustiva do proceso produtivo, e das medidas correctoras presentes no proxecto, se pode garantir que as emisións de compostos a atmosfera previstas en proxecto, non superan o máximo esixido pola normativa ambiental sectorial e xeral”.

O Concello fai referencia tamén “a se a autoridade ambiental garante que o deseño da cheminea propostos pola empresa cumpre coa normativa á hora de garantir unha axeitada evacuación dos gases e partículas que saen á atmosfera”. Por último, preguntan se está previsto un sistema de seguimento ambiental “suficientemente fiable, robusto, e baixo acceso e control de organismos independentes ou entidades de certificación, que permita rexistrar e almacenar os datos de emisións de compostos en tempo real”.