Skip to main content
Lugo

Lugo pon en valor o deseño galego cunha cunha demostración de Rebeca Losada en San Marcos

Por 4 Abril, 2024Sin comentarios

A ilustradora lucense Rebeca Losada ofreceu na Praza de San Marcos unha demostración de debuxo, no marco do programa IlustrarNós da área de Cultura da  Vicepresidencia da Deputación de Lugo. A artista realizou un deseño que “representa a sensación de liberdade que sentes ao empezar un debuxo”, con cores primarias que, explicou, “teñen moita forza visual”.

As persoas que se achegaron ata o lugar puideron seguir o proceso creativo e conversar coa artista lucense, recoñecida polos seus deseños no ámbito musical, editorial e textil. A deputada de Cultura Iria Castro agradeceu “a participación de Rebeca Losada nesta actividade aberta ao público e nas charlas en centros de ensino que se están a desenvolver nestas semanas con IlustrarNós, un programa co que apostamos por fomentar a creatividade e apoiar o traballo de creadores e creadoras galegas”.

Tamén seguiron a actividade o vicepresidente da Deputación de Lugo Efrén Castro, o tenente alcalde de Lugo Rubén Arroxo e a concelleira de  Cultura Maite Ferreiro. Esta demostración súmase ás charlas que a deseñadora está a impartir esta semana en centros de secundaria. Rebeca Losada xa compartiu a súa traxectoria artística co alumando do IES Pedregal de Irimia de Meira e co do Lucus Augusti de Lugo. Tamén estará no Escola Superior de  Arte e Deseño Ramón Falcón e, o  vindeiro 9 de abril, no IES de Becerreá.

O programa IlustrarNÓS, que se puxo en marcha o pasado mes de xaneiro, inclúe tamén  obradoiro de creación de fanzine con 7H Cooperativa Cultural, que se levarán a cabo no CEIP Terra Chá de Vilalba e no CPI Dr. López Suárez de Friol o 9 de abril, no CEIP Santa María da Fonsagrada, no CEIP Concepción López Rey  de Baleira e no CEIP de Castroverde, o 15 de abril, e no CEIP Virxe da Luz de Portomarín e no CPI de Cervantes o 22 de abril.

Certame escolar

No marco de IlustrarNós, a Vicepresidencia da Deputación de Lugo convocou tamén a III edición do Certame Escolar de Ilustración, dirixido a alumnas e alumnos de 5º e 6º de Primaria, Secundaria, Bacharelato e ciclos formativos, que deberán realizar ilustracións arredor da temática “festa”, representando graficamente vivencias, reflexións ou emocións relacionadas con celebracións e conmemoracións.

Os traballos deben remitirse ao enderezo certame.ilustrarnos@gmail.com, a través dos centros educativos, ata o 6 de maio. Un xurado composto por persoas relacionadas co mundo da cultura, da edición, da ilustración e da docencia valorará as obras, tendo en conta aspectos como a relación da ilustración co tema proposto, a orixinalidade e creatividade na interpretación do tema ou a técnica e composición.