Skip to main content
Lugo

O PP denuncia esperas de ata 75 días para as citas nos centros de convivencia de Lugo

Por 5 Abril, 2024Sin comentarios

O PP pide que se rebaixe a cita previa nos Centros de convivencia que, aseguran, nalgúns casos supera os 75 días. Os populares tamén solicitan que se amplíe o horario das 2 educadoras sociais, a cobertura do posto da traballadora social que realizaba o control previo das urxencias de servizos sociais, a instalación dunha centralita no Uxío Novoneyra ou mellorar a calidade das actividades de animación sociocultural.

O edil do PP logo de visitar os 7 centros de convivencia manifestou que entende “a preocupación do Goberno local”, xa que son coñecedores de que hai “reforzar os servizos sociais con apoio técnico e administrativo” para desconxestionar as demoras na atención en cuestións tan básicas como as citas previas poñendo como exemplo os 2 meses e medio do Sagrado Corazón ou o mes e medio de agarda no Uxío Novoneyra”.

O PP insiste en que en todos os centros sociais lle trasladan a necesidade de cubrir o posto da traballadora social “que realizaba un control previo para que as urxencias de servizos sociais se valoren, e que coordinaba as listas de espera e citas segundo as emerxencias dos casos non está cuberto, dende hai meses”, aclarando que esta situación “obriga a asumir esta función a cada centro social, sobrecargándoos de traballo”

Como exemplo Gustavo Díaz cita o centro social de Fingoi onde para unha poboación de 13.000 persoas contan cun traballador social o que é insuficiente. Outra petición é instalar unha centralita ou sistema que considere o concello para xestionar ás chamadas que se reciben no Centro Social do Uxio Novoneyra. Na actualidade, o conserxe encárgase de recepcionar as chamadas entrantes, non só as relacionadas co centro social, senón que tamén as doutros servizos (Evislusa, xuventude, Escola de Música, 010, Educación …). “Cremos que esta petición garantiría un servizo máis eficiente que redundaría nunha mellor atención cidadá”.

Con respecto ás actividades é xeralizada a petición de potenciar a área de animación sociocultural “na actualidade hai 4 profesionais para cubrir a programación dos 7 centros de convivencia así como das actividades da zona rural”. Outra petición reiterada ten que ver con mellorar a seguridade nos centros sociais. O que se propón é ampliar 5 horas semanais a vixilancia para que se dea cobertura desde a apertura ata o horario do peche destas dependencias municipais.