Skip to main content
Lugo

Lucía Freitas, Héctor López e Daniel Guzmán estarán no festival Nos seus pés

Juan M. Crujeiras, Daniel Guzmán, Héctor López, Lucía Freitas, Javier Olleros, Iñaki Bretal, Javier Ponte, Javier González ou Xosé Magalhaes acompañarán a Alvaro Villasante na cociña do festival gastronómico e cultural Nos seus pés, que se celebrará o vindeiro 3 de maio nos Xardíns da Deputación de Lugo.

O evento, organizado polo chef lucense e o grupo Nove coa colaboración da área de Cultura da Vicepresidencia da Deputación, busca recoller fondos para a oenegué ProemAID, centrada no rescate e na atención a persoas en risco no mar. ‘Nós seus pés’, que se vén celebrando en distintas localidades de Galicia co impulso de recoñecidos chefs, incluirá tamén música en directo e intervencións artísticas.

A conta atrás comezou cunha foto simbólica a carón da estatua de Castelao, na Rúa Raíña de Lugo, na que participaron o vicepresidente da Deputación, Efrén Castro, e o concelleiro de Infraestruturas Urbanas de Lugo, Álex Penas. Ademais, proxectouse o documental ’24 millas’, dirixido por Asier García e Unax Blanco, que  recolle o primeiro rescate no Mediterráneo realizado por ProemAID, no ano 2017, no Restaurante Paprica.