Skip to main content
Lugo

As Plataformas Sanitarias de Lugo piden máis persoal e servizos para a área de Xeriatría do HULA

Por 17 Abril, 2024Sin comentarios

As Plataformas Sanitarias de Lugo Cidadanía e Saúde e en Defensa da Sanidade e das Especialidades do HULA manifestan o seu malestar pola xestión das citas de Atención Primaria a través dun algoritmo do que se encarga persoal administrativo non sanitario, que outorgan tamén a prioridade da atención requirida polo paciente.

“Algo no que de ningún xeito imos estar de acordo, xa que como pacientes temos todo o dereito a ser atendidos por persoal médico ou sanitario, dándolle a máxima prioridade á súa atención, polo que non estamos de acordo tampouco coa cita de espera”. Para estes colectivos débese contar con persoal médico requirido para prestar servizo “en menos de 48 horas, xa que a cita de espera creada en momentos da covid debe desaparecer e volver á atención inmediata da que gozabamos antes”.

Denuncian que se manteña o mesmo persoal nos centros de saúde “en case todos os casos, con excepción dalgún, que debe de ser actualizado segundo as necesidades e tampouco houbo un incremento poboacional que estea requirindo cambios”

Por outra banda, solicitan ao novo conselleiro de Sanidade que se incremente a dotación de persoal e de novos servizos a área de Xeriatría do HULA e que esta, combinada con Servizos Sociais, “mellore a atención prestada aos usuarios, xa que esta provincia ten un elevado índice de persoas incapacitadas e que en moitos casos viven sós”. Solicitan un sistema de axuda (ADO) a domicilio para aquelas persoas que reciben o alta e carecen de axudas na súa xestión sanitaria.