Skip to main content
Lugo

Lugo volverá correr contra o cancro en maio

Por 24 Abril, 2024Sin comentarios

O vicepresidente da Deputación de Lugo e deputado de Deportes Efrén Castro participou na presentación da V Marca Contra o Cancro de Lugo que organiza a Asociación Española Contra o Cancro (AECC) co patrocinio da Vicepresidencia provincial. A praza da Horta do Seminario será o 4 de maio o punto de saída de todas as competicións na que se inclúen diferentes idades e niveis.

A proba inclúe unha andaina para todas as idades ademais da carreira nas categorías Pitufos e pitufas, Sub 10, Sub 14 e adultos, que correrán 5 quilómetros. Efrén Castro sinalou que dende a área de deportes “estamos encantados de colaborar un ano máis con esta iniciativa solidaria, organizada co obxectivo de recadar fondos para a loita contra esta doenza e financiar iniciativas que melloren a vida dos pacientes oncolóxicos e as súas familias”.

Trátase dun evento que incide na importancia do deporte, da actividade física como parte dunha vida saudable. “E que reflicte, como se puido ver ao longo de todos estes anos, a capacidade do deporte popular para xerar espazos de convivencia”, destacou o vicepresidente e animou á sociedade lucense a inscribirse nalgunha das probas.

O prazo de inscrición está aberto ata o martes 30 de abril a través da súa páxina web, https://lugocontraocancro.es/, cun prezo de 5 euros en categoría infantil e 10 euros para adultos. A AECC Lugo destinará o diñeiro recadado a proxectos asistenciais e de prevención que desenvolve a entidade e á investigación oncolóxica.