Skip to main content
Lugo

100 días de Paula Alvarellos como alcaldesa de Lugo: regular as terrazas, urbanismo e nova comisaría

Por 26 Abril, 2024Sin comentarios

O 18 de xaneiro, Paula Alvarellos tomaba posesión como alcaldesa de Lugo, logo de catro anos e medio como concelleira nos que exerceu responsabilidades en diferentes áreas. O sábado 27 cúmprense 100 días dende este nomeamento aos que cualifica como “unha aprendizaxe permanente, nos que procurei compaxinar a xestión municipal coa necesidade de atender os compromisos institucionais”.

A rexedora agradece aos empregados e empregadas municipais pola súa dedicación e apoio “para trasladarme con rigor o estado de situación dos asuntos que dependen directamente da área de Alcaldía” e pretende seguir recibindo ao tecido social de Lugo, xa que “escoitar, traballar e mellorar: ese é o meu compromiso”, sinala. Aínda que, sinala, non estivo exento de dificultades xa que, só no primeiro mes, tivo que afrontar a renovación de postos cruciais para o Concello como son a Secretaría e a Intervención municipais.

Ademais, como titular da área de Planificación de Cidade, unha das primeiras decisións que adoptou foi nomear a un Director Xeral de Urbanismo no que delegou boa parte da tramitación administrativa deste departamento. “Así, só neste primeiro trimestre de ano resolvéronse máis de 400 licenzas e títulos habilitantes que promoveron un volume de negocio estimado na cidade de 22 millóns de euros”.

Intermodal e nova comisaría

Tamén puxeron a disposición de Adif os terreos necesarios para comezar a construción da Estación Intermodal e iniciaron o proceso para ceder ao Ministerio de Interior os terreos nos que se construirá a nova Comisaría da Policía Nacional de Lugo, aprobouse o proxecto para atallar as crecidas do río Rato na rotonda de Serra de Meira e avanzouse nas negociacións pra eliminar tres tapóns urbanísticos na capital.

Alvarellos Fondo destacou dúas frontes de traballo: o funcionamento interno e a xestión pública. Na primeira delas ocupa un lugar prioritario atender as demandas do persoal municipal e cubrir e dotar dos recursos necesarios os departamentos “que agora mesmo están asumindo unha sobrecarga de traballo precisamente porque precisan dun maior número de efectivos”. Asegura que están a rendibilizar ao máximo os recursos económicos porque “o 2024 debe ser un ano de moderación en prol da estabilidade presupostaria”.

Regular as terrazas

Nesta mesma liña, sinalou que o Executivo quere optimizar o funcionamento das prestacións como son as novas licitacións do SAF. Como exemplo desta escoita e atención permanente aos colectivos cita o proceso regulador de terrazas que xa se constata nas rúas, a minoración da ampliación de horarios para a hostalaría durante as festividades locais en prol da convivencia ou as modificacións nas obras de peonalización do centro histórico.

Sostén que están dando pasos na posta en marcha do Auditorio e na elaboración das Ordenanzas de Terrazas e de Circulación, aínda que lamenta a actitude da oposición “máis preocupada por enlamar que por buscar solucións efectivas ás necesidades reais da poboación”.

Pregúntase que tipo de intereses defende o Partido Popular cando propón iniciativas como que sexa a cidadanía lucense a que sufrague as prospeccións arqueolóxicas en parcelas privadas para comprobar se nelas se pode construír ou cargar ao peto dos e das lucenses competencias impropias como o SAF que a Administración Autonómica debería asumir. “Por desgraza non nos sorprende esta dobre vara de medir que empregan tamén cando o que toca é reclamarlle a Xunta o desbloqueo dos asuntos municipais cruciais como a zona de baño pública o Museo da Romanización ou o investimento en infraestruturas viarias”.