Skip to main content
Palas de Rei

Colectivos medioambientais aseguran que o proxecto de Altri incumpre dez normativas europeas

Por 17 Abril, 2024Sin comentarios

A eurodeputada do Bloque, Ana Miranda, cualificou de gran relevancia a reunión mantida entre a delegación galega contra o proxecto de Altri desprazada a Bruxelas e representantes da Comisión Europea para trasladarlles “este desastre medioambiental”. En concreto, o encontro celebrouse entre colectivos medioambientais e representantes institucionais dos concellos afectados e a Directora do Grupo Operativo do Mecanismo de Recuperación e Resiliencia, María Teresa Fábregas, e o Xefe da Unidade de Cumprimento da Normativa Medioambiental, Paul Speight.

Ana Miranda subliñou que este encontro coa CE supón “un paso máis para frear a instalación de Altri en Galiza” xa que María Teresa Fábregas confirmou á delegación desprazada a Bruxelas que até o momento non hai ningunha solicitude oficial por parte do Estado español. Ademais, a Directora do Grupo Operativo do Mecanismo de Recuperación e Resiliencia indicou que en caso de que se introducira o proxecto debería cumprir con todos os principios e esixencias de transparencia e esixencias medioambientais e de conflito de intereses, que a máis tardar debería estar executado en agosto de 2026 e que incluso chegou a mencionar que non habería tempo.

“Desde a Comisión Europea agradeceron que trasladásemos directamente o impacto que poida ter este proxecto, impacto socioeconómico, medioambiental, patrimonial, e sobre todo que esteamos alertando dun proxecto destas características como o que proxecta Altri”, sinalou a eurodeputada galega, quen lembrou a existencia de conflitos de intereses así como a ausencia de información ambiental, xa que non se deu participación á veciñanza.

Danos nos recursos hídricos

Tamén salientou que os colectivos medioambientais que integran a delegación – ADEGA, Ulloa Viva, Santiso Vivo e Queremos Parcelarias XA- así como representantes municipais trasladaron un informe moi exhaustivo sobre os posibles incumprimentos. “Nós estamos alertando moi rigorosamente dos problemas que poden ter este proxecto”, salienta Ana Miranda.

Precisamente desde as representantes dos colectivos medioambientais destacaron que o proxecto incumpre até dez normativas europeas e vai causar uns danos significativos e incumprimento da Directiva Marco da Auga, dos recursos hídricos tanto no encoro de Porto de Mouros como o río Ulla até a ría de Arousa. Tamén comentaron que Altri pretende financiar o proxecto a través dun PERTE, que iría en contra da protección de espazos recoñecidos como patrimonio natural e cultural e en contra do Plan Director do Camiño de Santiago.