Skip to main content
Portomarín

Os socialistas de Portomarín piden un plan de ordenación do tráfico

Por 11 Abril, 2024Sin comentarios

O Grupo Municipal Socialista de Portomarín denuncia a incapacidade do alcalde do gobernar o Concello ao non levar ningunha iniciativa nin proposta ao Pleno que se celebrará  logo de tres meses sen ter sesións. Os socialistas rexistraran dúas mocións que non se tiveron en conta na orde do día, “se cadra non lle convén ao Goberno municipal ou lle dá vergoña ver que a oposición si está traballando pensando nos veciños e veciñas e en mellorar Portomarín, mentres o Alcalde non ten ideas nin ganas de facer”, salienta o seu voceiro, Marcos Arias.

No pleno, agardan que se debatan estes dous asuntos polo vía de urxencia. Por unha banda urxirán ao alcalde que realice un plan de ordenación do tráfico da localidade, que teña en conta un estudio das melloras posibles como calendarios fixos e reais da peonalización, rúas unidireccionais, marcaxe e sinalización de aparcadoiros e mellorar a regulación das terrazas. Arias apunta que esta medida xa a pediron no mes de xullo e o Goberno local fixo oídos xordos, pero é unha acción urxente porque “se viven situacións de auténtico perigo para os peóns, especialmente os nenos e nenas, para os condutores e para as persoas que están sentadas nas terrazas”.

Acúsan ao rexedor dunha “falta de planificación, iniciativa e traballo”, pero creen necesario “regular o tráfico con rúas dunha soa dirección, peonalización real nos días de maior afluencia, marcaxe das zonas de estacionamento e clarificar a regulación do uso das terrazas”. Así mesmo, tamén volven pedir que se manteñan os espazos comúns e as rúas limpas e cun bo mantementos, para “evitar imaxes de total abandono e deterioro do Concello, temos rúas en estado lamentable, con pedras levantadas ou grandes fochancas que ocasionan que os coches rebenten as rodas, iso non pode ser”.

Por outra banda, solicitan  previsión de cara o verán, que é cando se recibe un gran número de visitantes, coa piscina para que non se repitan situacións vividas o ano pasado “cunha xestión nefasta en moitos aspectos, como a insalubridade da piscina coa pasarela de acceso sen rematar e sendo un auténtico perigo ou a falta de oficina de turismo”.

Limpeza das depuradoras

Os socialistas esixen ao Concello que realice de xeito periódico o baleirado e a limpeza das depuradoras existentes para evitar o desbordamento e os malos cheiros. Agora mesmo, relatan os socialistas, a veciñanza de San Fiz e Gonzar quéixanse da falta de mantemento destas instalacións, “o que repercute na calidade do servizo con avarías máis frecuentes, o deterioro anticipado das instalacións ou os vertidos de augas mal depuradas”. Arias pon o foco na importancia de facer as obras, “pero máis importante é mantelas e disto hai probas en moitas dos investimentos e proxectos feitos neste municipio”.

O PSdeG tamén lle pide ao Concello que faga unha mellor planificación do servizo de recollida de lixo, incrementando a frecuencia nos días de maior afluencia e “estando atentos a cando hai festas nas distintas parroquias para evitar imaxes de colectores desbordados como vimos o pasado verán, ou nas festas de Cortapezas recentemente”. A maiores, piden que o Concello vele por unha reciclaxe efectiva dos distintos residuos, “pois de pouco importa que os veciños fagan unha separación dos residuos nas súas casas e os tiren nos distintos colectores cando despois vai todo xunto no mesmo camión, unha situación que se dá en varias parroquias do noso municipio”.

Pola súa banda, urxen que se poña en marcha un servizo de recollida de servizos voluminosos. “Pode facerse cunha frecuencia quincenal onde cada un veciño teña un residuo destas características como un colchón, electrodomésticos ou mobles, chame ao Concello para solicitar a súa recollida, por exemplo, o que evitaría vertedoiros incontrolados como vemos en moitas ocasións”. Así mesmo propoñen trasladar o punto limpo móbil polas distintas parroquias, “o que tamén serviría para facer súa limpeza e baleirado, pois a imaxe que dá actualmente no Campo da Feira é lamentable”.