Skip to main content
Axenda RIBEIRASACRAXAMonforte

O Museo Pazo de Tor de Monforte acolle a IV edición das Xornadas Pacegas

Por 10 Abril, 2024Abril 11th, 2024Sin comentarios

O Museo Pazo de Tor acollerá os vindeiros 6 e 7 de maio a cuarta edición das Xornadas Pacegas, un punto de encontro entre a investigación académica e a acción cultural comprometida co patrimonio.

Este ano terá como eixo temático as Revoltas Irmandiñas, determinantes para o nacemento dos pazos como construcións que substituíron as torres e casas forte derrocadas do propio Pazo de Tor e da configuración actual da Fortaleza de San Paio de Narla.

Baixo o título Tor e Narla nas Revoltas Irmandiñas: Torres, Fortalezas, Sociedade, as xornadas enfocan este período histórico desde varias perspectivas. Ao longo das dúas xornadas, abordaranse as causas da destrución das fortalezas a mans da Irmandade, as torres e casas forte en tanto entidades de poder, a presenza feminina nos Irmandiños, o papel xogado pola Igrexa ou a posición da nobreza galega tralas revoltas.

Ademais, para poñer en valor a recente recuperación para o patrimonio público dun cabaleiro xacente do século XV por parte da Rede Museística, haberá un monográfico sobre iconografía funeraria baixomedieval.

O encontro, que pretende crear un espazo de divulgación da actividade investigadora, vinculándoa á conservación do patrimonio, reúne medievalistas e historiadoras da arte das universidades de Santiago e Vigo, e do CSIC.

As xornadas están abertas a todo tipo de público que queira asistir e a inscrición debe realizarse vía mail a concertacionsrmp@gmail.com ata o día 4 de maio ou completar o aforo, que é de 45 persoas.

Programa

O luns, 6 de maio, a xornada levará por nome ‘Fortalezas, Irmandade, irmandiñas, Igrexa e nobreza’ e comezará ás 16.30 horas coa ponencia de Xosé Manuel Sánchez Sánchez, profesor axudante doutor da área de Historia Medieval da USC, que ofrecerá un relatorio sobre os castelos galegos e a súa imaxe na revolta: Irmandiños, revoltas, castelos e ideas: atacando os edificios que amosan o poder.

Xa ás 17.15 horas será a quenda de Francisco Javier Pérez Rodríguez, doutor en Historia Medieval pola USC, que impartirá un relatorio que abordará o papel xogado pola Igrexa nas revoltas: A participación da Igrexa galega nas revoltas irmandiñas.

Pola súa parte, ás 18.00 horas, Miguel García Fernández, técnico superior de actividades técnicas e profesionais do Instituto de Estudios Galegos Padre Sarmiento (CSIC), intervirá cunha charla sobre as mulleres galegas ante a revolta irmandiña cunha figura directamente involucrada: dona Teresa de Zúñiga co nome Para que los pequeños e los medianos e los grandes vivamos bien: dona Teresa de Zúñiga e as mulleres galegas ante a revolta irmandiña.

Máis tarde, ás 18.45 horas, Pablo Otero Piñeyro Maseda, director do Instituto de Estudios Galegos Padre Sarmiento (CSIC), participará cun percorrido pola casa señorial galega despois das revoltas: das torres aos pazos: A casa señorial en Galicia tralas revoltas.

Para finalizar, ás 19.30 horas, Simón Vicente López, doutor en Historia da Arte pola USC, abordará a doazón dunha escultura de cabaleiro medieval relacionada coa liñaxe do Pazo de Tor: A morte do cabaleiro de Tor e o seu bestiario.

Pola súa parte, o martes 7 de maio levará por título Donas e cabaleiros ante a morte: iconografía dos sepulcros galegos na Baixa Idade Media, e a primeira ponencia será ás 16.30 horas da man de María Dolores Barral Rivadulla, profesora titular do departamento de Historia da Arte da USC, cuxo relatorio asumirá o caso dos sepulcros das mulleres galegas nos anos finais da Idade Media: Dime como vistes e adornas e direi quen es. A imaxe da muller na escultura funeraria medieval galega.

Ás 17.15 horas Marta Cendón Fernández, profesora titular de Historia da Arte na Facultade de Xeografía e Historia da USC, falará sobre a busca da eternidade dos cabaleiros galegos a través dos seus sepulcros: Guerreiros para a eternidade. Sepulcros de cabaleiros na Galicia Baixomedieval.