Skip to main content
Bóveda

Bóveda conmemora o Día do Libro cunha iniciativa que permanecerá activa toda a semana

O Concello de Bóveda celebrou o Día do Libro con varias actividades a través do programa Ler Conta Moito, que trouxo ata o Centro Sociocultural de Bóveda a Ana Meilán.

A escritora lucense encheu de historias o salón de actos con dúas sesións de contacontos; unha delas para os nenos e nenas do CEIP Rosalía de Castro e outra para público en xeral. O primeiro dos espectáculos foi ‘Quen vén esta noite?’ para o alumnado de Infantil e o segundo ‘ Un universo na túa maleta.

Ademais, a Biblioteca Pública Municipal organizou a actividade ‘Que é para ti un libro’ para que quen o desexe poida deixar por escrito nun panel o que significan os libros e levar un agasallo dun libro retirado da colección da Biblioteca, que terá así unha segunda vida e deixará espazo para novas adquisicións.

A Axencia de Lectura Municipal conmemora ao longo de toda a semana o Día do Libro cun agasallo para todos e todas os que se acheguen á Biblioteca e deixen as súas achegas no panel.