Skip to main content
Bóveda

Bóveda contará cun novo miradoiro astronómico na Serra de Penas

Imaxe de José Camilo López

O Concello de Bóveda construirá un miradoiro astronómico na Serra de Penas, preto do miradoiro do Alto do Coto cun presuposto de 30.000 euros, financiados por Turismo de Galicia a través dunha liña de axudas para a diversificación do turismo nos concellos de menos de 10.000 habitantes.

O obxecto desta intervención consiste na creación dun miradoiro específico e especializado para observar o firmamento na contorna doutro miradoiro existente paisaxístico que é o do Alto do Coto.

O alcalde, José Manuel Arias, explica que a implantación elixida vén dada, fundamentalmente, pola escaseza de oferta turística específica para este campo e ter unha calidade imprescindible para poder practicar este tipo de observacións, que é a nula contaminación de luz do espazo no que se vai emprazar.

O rexedor precisa que “con esta intervención preténdese ampliar e complementar a oferta turística do Concello de Bóveda, que suma así tres miradoiros, diferentes e complementarios. As obras previstas teñen por obxecto acondicionar un miradoiro astronómico que permita ver e desfrutar da visión do firmamento contemplando todas as constelacións que se sitúan nesta latitude”, detalla.

O proxecto en detalle

O proxecto consiste na execución dunha plataforma de madeira a nivel do chan, de xeito que se facilita o movemento controlado das persoas sen risco de caídas, de noite e sen luz.

Sobre esta plataforma colócanse tres cadeiras que permiten sentarse para acadar unha posición de reclinación idónea para a observación do firmamento. Estas cadeiras teñen capacidade cada unha delas para dúas persoas.

A maiores, no medio da plataforma poderán instalarse os equipos de observación que van montados sobre trípode. Por outra banda, instalarase un cartel indicativo co planisferio correspondente a esta latitude. O prazo de execución das obras desde o seu comezo será dun mes.