Skip to main content
Quiroga

O IES de Quiroga acollerá unhas xornadas de elaiografía macroscópica

Por 17 Abril, 2024Abril 18th, 2024Sin comentarios

As instalacións do IES de Quiroga acollerán unhas xornadas de elaiografía macroscópica (descrición e identificación de oliveiras) organizadas por AMIAQUIGAL e o IES de Quiroga e contando coa colaboración do Concello de Quiroga, Aceiroga e novaSRutas, que se desenvolverán os días 19 e 26 de abril, en horario de 18 a 21 horas.

O Biólogo e Investigador José Espinosa Sánchez será o encargado destas xornadas nas que, con carácter introdutorio, abordarase a observación de caracteres de exemplares de oliveira que facilitan a súa descrición obxectiva, identificación e inclusión ou non nun tipo varietal catalogado.

O obxectivo é crear sinais sensoriais entre os asistentes que permitan a descrición obxectiva de oliveiras en base a caracteres facilmente observables. Os obxectivos da descrición e comparación obxectivas de variedades de oliveiras abórdanse desde a observación sistemática da árbore, a folla, o froito e o endocarpo (óso), establecendo caracteres con valor elaiográfico ou descrición varietal.

Estas sesións en última instancia pretenden contribuír á consolidación da actividade olivícola en Quiroga cuns niveis de calidade técnica sostible, orientada a todos os segmentos interesados: cultivador, produtor, comerciante e consumidor.