Skip to main content
Samos

O Goberno local de Samos trasladou os problemas do municipio a Ana Pontón, que visitou o Concello

A portavoz nacionalista, Ana Pontón, realizou unha visita ao Concello de Samos onde mantivo un encontro co Goberno municipal liderado pola alcaldesa María Jesús López, para coñecer de primeira man as cuestións que máis preocupan neste municipio, como o financiamento dos servizos públicos no relativo ás vivendas comunitarias.

Pontón explicou que o BNG demanda unha maior implicación económica da Xunta na financiación das vivendas comunitarias e do apartamento tutelado de Samos, tendo en conta que o Concello vese obrigado a cubrir unha parte dos gastos con orzamentos municipais para compensar a insuficiente aportación do Goberno de Rueda, pese a que o dereito a vivenda excede o ámbito local.

Samos conta con dúas vivendas comunitarias para a terceira idade e un apartamento tutelado situados no mesmo edificio, no que comparten servizos comúns como comedor, sala de estar, lavandaría, persoal e gastos. Pontón referiuse a estas vivendas como “caso paradigmático” dos problemas financeiros que soportan os concellos, que moitas veces teñen que asumir o custo de servicios que non son da súa competencia.

“Os concellos galegos están infrafinanciados e aínda por riba, en moitos casos, asumen competencias que lle corresponden á Xunta para darlle á veciñanza servizos que melloren o seu nivel de vida”, expuxo a líder do Bloque, tras denunciar a “discriminación” financeira que sofren os concellos do rural, sobre todo os máis pequenos.

Máis problemáticas

O das vivendas comunitarias non é o único servizo do que o Concello de Samos asume un coste de xestión que non lle corresponde, tamén se fai cargo de sufragar os gastos de limpeza, mantemento corrente do ascensor e da caldeira do centro escolar, pese a tratarse dun servizo educativo competencia da Xunta.

O mesmo pasa á hora de correr cos gastos de contratación dun técnico de turismo, ao que Samos está obrigado dada a súa consideración de concello turístico, un gasto extra do que o Executivo do PP se despreocupa pese a ter competencias en turismo pero leva anos sen ningún tipo de axuda ou subvención aos municipios para costear este persoal.

Pola súa parte a alcaldesa destacou que a Xunta “é especialista en botar balóns fóra, cargando de responsabilidades aos concellos sen dotalos do financiamento suficiente, cárganos con gastos que non nos corresponden como sucede co SAF, para o que non recibimos o 100 % do que custa, sendo ademais o Concello o que ten que facer a xestión”, explicou.