Skip to main content
Sarria

Sarria non aproba os orzamentos de case 14,5 millóns de euros, sendo o terceiro ano sen presuposto

Os orzamentos propostos para este ano 2024 polo Goberno local de Camiña Sarria non saen aprobados despois de obter os votos en contra de todos os partidos da oposición. Estes recollían unha contía de 14.496.336 euros, máis dun millón de euros de incremento con respecto aos propostos no 2023, que tampouco saíron adiante. O alcalde, Claudio Garrido, sostivo que o presuposto estaba feito con “responsabilidade” e sendo “realistas”. Porén, os do Partido Popular votaron en contra porque considera unha “irresponsabilidade” levar a Pleno un presuposto cos informes técnicos en contra e “sendo consciente de que o Concello non vai ingresar ese diñeiro”. Así, din que “o informe de Intervención advirte que o presuposto incumpre o obxectivo de estabilidade orzamentaria porque xa prevé necesidade de financiamento”.

Da mesma maneira, o BNG tamén votou en contra argumentando que, a pesar ter unha reunión moi breve, “nolo ensinaron sen tempo para analizar e, por tanto, non é unha actitude negociadora”, explican.

Pola súa parte, o Goberno local aprobou a nova ordenanza fiscal pola que se regula a ocupación do espazo público polas terrazas dos negocios privados, ao recibir os votos a favor do BNG e a abstención do PP e do PSOE. Esta contempla unha taxa máis elevada para as que ocupen zonas de aparcamento; en concreto, un importe de 36,78 euros por metro cadrado ao ano, mentres que no resto de zonas será de 29,42 euros. En festas ou días puntuais, as terrazas deberán aboar un custo de 0,8826 euros por metro cadrado ao día. A nova ordenanza substituirá á que estaba aprobada desde o ano 2002. E tamén se aprobou a ordenanza para os postos do campo da feira, que corrixe o erro que aparecía na anterior no que se cobraba por metro lineal e non cadrado.

As mocións da oposición

O BNG conseguiu aprobar a moción que levou a pleno rexeitando o proxecto da empresa Altri que se vai instalar en Palas de Rei “por afectar significativamente ao Camiño Francés”. A macrofactoría de produción de pasta de celulosa, explican, potenciará unha actividade industrial “nada sostible e que pode poñer en risco que o Camiño de Santiago poida seguir considerado como Patrimonio da Humanidade, xa que un catedrático da USC di que noutros países, por actividades industriais parecidas, descatalogáronse zonas de Patrimonio como o Camiño”, defende Efrén Castro. Por iso, defenderon parar o proxecto “para evitar que afecte ao ben cultura de Sarria e da comarca”.

Pola súa parte, o Grupo Municipal do Partido Popular presentou dúas mocións que foron aprobadas. Con respecto á primeira, os populares esixiron ao Goberno local que o tempo de xestión de licenzas non supere os 3 meses, implantando un sistema para axilizar a solicitude e o seguimento do estado dos procedementos ata a súa aprobación. Con respecto á segunda, solicitaron ao Goberno realizar un estudo sobre a cobertura de rede de fibra óptica para identificar as zonas con dificultades e desenvolver as medidas necesarias para posibilitar e fomentar o acceso á fibra ao maior número posible de veciños do municipio.

Por último, os socialistas levaron a pleno unha moción para defender ao sector do taxi de Sarria debido á situación que se vive na vila con respecto á competencia desleal, polo que o sector do taxi pedía “un maior control por parte das autoridades e medidas urxentes”, petición da que a oposición se fixo eco.