Skip to main content
Vilalba

O Concello rexenerará a estrada que une Belesar e Alba cun investimento de 85.000 euros

Por 19 Abril, 2024Sin comentarios

O tenente de alcalde de Vilalba Modesto Renda anunciou a primeira das obras incluídas polo Concello no Plan de Mellora de Camiños de Titularidade Municipal correspondente á anualidade 2024.

Concretamente, trátase da vía municipal que une as parroquias de San Xoán de Alba e Belesar e que parte dende a N-634 na parroquia de Alba e atravesa os barrios das Turbelas, O Curro, Cordal e Meire, dándolle acceso tanto ás vivendas como ás parcelas e explotacións agrogandeiras da zona, ata rematar na igrexa e cemiterio de Belesar.

Tal e como explicou Renda, esta nova obra de mellora suporá “o maior investimento do que vai de lexislatura no rural” pois a renovación completa dos 4,385km conta cun orzamento de 85.000 euros.

Así mesmo, o proxecto de obra presentado recolle a rexeneración, tamén, dos tramos en peor estado da escadra de Meire.

“Da actuación xorde unha ramificación da vía que lle dá acceso a vivendas e parcelas agrícolas en dirección norte. A súa lonxitude é de 490 metros e é por isto que se actuará en sobreanchos, abanicos e accesos públicos deste tramo a fin de aproveitar ó máximo a explanada actual da estrada” explicou.