Skip to main content
AbadínComarca TERRACHÁXARiotortoRiotorto AMARIÑAXA

A Xunta confirma a construción das residencias de maiores en Abadín e Riotorto

Por 5 Abril, 2024Sin comentarios

O presidente da Xunta en funcións, Alfonso Rueda, anunciou que a Xunta vai financiar a construción, mellora e ampliación de 24 centros de atención aos maiores (residencias, centros de día, vivendas comunitarias, centros sociais…) ao abeiro do Plan de investimentos para equipamentos sociais polo que o Goberno galego pon á disposición dos concellos 18,5 millóns de euros para que reforcen a rede de atención ás persoas maiores.

Do centenar de propostas presentadas polos concellos a este plan resultaron finalmente seleccionadas 24, o que, tal e como explicou Rueda, “suporá a construción de doce novas residencias; reformar ou ampliar outras seis; impulsar catro novos centros de día; poñer en marcha un novo centro social e crear un centro integral de atención aos maiores con servizos de centro de día e residencia”. Ademais, con estas actuacións está previsto que “se creen 500 novas prazas públicas de atención residencial e outras 150 de atención diúrna”.

Así, na provincia de Lugo construiranse dúas residencias, unha en Abadín e outra en Riotorto, nas que investirán 1.200.000 euros en cada unha.

Unha vez escollidos os proxectos, o seguinte paso será a sinatura de convenios de colaboración plurianuais con cada concello, para desenvolver as actuacións entre este exercicio e o próximo. A previsión é que estes acordos se asinen no primeiro semestre deste ano.

Acordo coa Fegamp

Este plan de investimentos, do que o Consello coñeceu hoxe a resolución, comezou hai dous anos coa sinatura dun acordo marco coa Federación Galega de Municipios e Provincias (Fegamp) e tras o que se abriu un prazo para que os concellos presentasen as súas propostas.

Unha comisión de traballo formada polo Consorcio Galego de Servizos de Igualdade e Benestar e a Fegamp encargouse de avalialas e decidir as seleccionadas.

Infografía da residencia de Riotorto

Edificio onde se quere construír a residencia de Abadín

Nesta selección deuse prioridade aos proxectos dos concellos de menos de 20.000 habitantes, tendo máis puntuación aqueles con menor poboación; dos que non tiveran recursos semellantes aos que queren construír e a aqueles cunha maior viabilidade técnica e económica.

Os importes máximos que se van financiar varía en función dos proxectos. Así, no caso de iniciativas para construír novas infraestruturas as contías son de ata 1,2 millóns de euros para residencias; 600.000 euros para un centro de día ou vivenda comunitaria e 400.000 euros para centros sociais.