Skip to main content
BegonteOuteiro de Rei LUGOXAOuteiro de Rei TERRACHÁXARábade LUGOXARábade TERRACHÁXA

Néstor Rego urxe ao Ministerio de Transportes actuacións na N6 no tramo Baamonde-Outeiro de Rei

Por 19 Abril, 2024Sin comentarios

O deputado do BNG no Congreso, Néstor Rego, rexistra iniciativas na cámara baixa para demandar ao Ministerio de Transportes levar a cabo actuacións previstas na N6 no tramo Baamonde-Rábade-Outeiro de Rei. No marco da campaña impulsada pola organización nacionalista en Lugo para o arranxo das infraestruturas viarias, Rego sinala a necesidade de iniciar unha rehabilitación integral desta vía para impedir que se sigan a producir accidentes neste tramo.

Segundo os últimos datos feitos públicos no último informe da Fundación RACE o maior punto negro viario do Estado español é o traxecto da N6 entre Rábade, Outeiro de Rei e Baamonde. No concreto, entre os puntos quilométricos 517 e 528. Neste tramo, lembra a organización nacionalista, rexistráronse até tres accidentes graves con feridos e unha persoa falecida.

Ante esta situación, e no marco da campaña “Arranxo xa das nosas estradas” impulsada en Lugo polo BNG, o deputado do BNG no Congreso rexistra iniciativas para reclamar ao Ministerio de Transportes que leve a cabo actuacións urxentes para a “rehabilitación, reparación e mellora integral da N6”. O obxectivo da iniciativa é a de impedir que se sigan a producir accidentes neste tramo, eliminando o punto negro das estradas lucenses.

“Queremos coñecer se o Ministerio ten pensado realizar obras neste tramo que discorre entre os núcleos de Baamonde, Rábade e Outeiro de Rei e, se existir esta previsión, en que fase da tramitación administrativa se atopan as actuacións” explica o deputado do BNG no Congreso. “Foron aprobados os proxectos? Que medidas se contemplan? Están licitadas as obras?” son preguntas que o BNG formula ao Ministerio de Transportes e Mobilidade Sustentábel.

Alén do máis, Néstor Rego tamén demanda coñecer o calendario que manexa o ministerio para o inicio dos traballos de mellora neste tramo da N6 e reitera a necesidade de actuar de maneira urxente nestes puntos.