Skip to main content
As Pontes

O Auto de Castromil represéntase o sábado 6 nas Pontes

Por 1 Abril, 2024Sin comentarios

O Auto de Castromil, de Producións Teatrales Excéntricas en coprodución co Centro Dramático Galego chega o día 6 de abril ás Pontes. Poderá verse ás 20.00 hora no Cine Alovi.

Con este proxecto Excéntricas gaña o III concurso de proxectos que convoca a fundación Manuel María e que recibe o apoio de máis de corenta concellos e institucións de Galiza.

A obra acontece nunha viaxe onírica abordo dun coche de liña. Os viaxeiros dormen e talvez o condutor. As maletas e demais bagaxes amotínanse, cobran vida e repasan unha curiosa historia de Galiza, combaten a nosa amnesia conxénita usando autos populares e farsas do autor chairego. Nelas aparece a historia alucinada dun pobo que loita, é derrotado, volve levantar a cabeza e rebelarse de novo. Unha rebelión na que, ás veces, non temos mais armas que o humor e o espirito antroidesco.

O auto do Castromil é unha viaxe en transporte público pola Galiza inconsciente.

Está feita com anacos das obras de Manuel María A rebelión dos baús, O Auto dos semulados da Caravilla, Unha vez foi o trebón, Abril de Lume e Ferro e o Entremés da OTAN.