Skip to main content
As Pontes

O BNG das Pontes rexistra dúas iniciativas para a declaración BIC da cheminea

Por 14 Abril, 2024Sin comentarios

Os deputados nacionalistas Ramón Fernández Mon e Xosé Manuel Golpe, xunto coa voceira municipal do BNG Carmela Franco, presentaron as iniciativas que veñen de rexistrar no Parlamento e no Concello relativas ao expediente de declaración de Ben de Interese Cultural (BIC) da cheminea, incoado pola Xunta en 2022 e que remata, como máximo, o 22 de xuño deste ano.

“Mentres todos os indicadores socioeconómicos das Pontes están en caída libre, sen convenio de transición xusta, cunha paralización unilateral do Futur-e por parte de Endesa que prepara a súa fuxida, con proxectos que, no mellor dos casos, non iniciarán a súa actividade no curto prazo, e co remate en 2026 e 2027 dos fondos para as axudas, o Ministerio de Transición Ecolóxica, o Concello e Endesa pretenden asentar a expectativa dun solo industrial nos terreos da Central, que non serán antes do 2032, e sen que exista neste momento proxecto algún que os pretenda ocupar”, explicaron.

Para o BNG, a decisión da Xunta de declarar BIC a cheminea na súa condición de patrimonio industrial, coa obriga legal da súa conservación e mantemento polo propietario, Endesa, e permitindo para o resto das instalacións outros usos compatibles e/ou o seu desmantelamento, “representa a última oportunidade de actuar no curto prazo que require o calendario das axudas, e, sobre de todo, da necesidade estratéxica de manter a ligazón física de Endesa coas Pontes e obrigala a cumprir coas súas obrigas e responsabilidades para coa vila e a súa comarca”, din.

E para alcanzar ditos obxectivos, o BNG, logo dunha análise e debate de experiencias similares, demanda da Xunta e do Concello a ampliación do BIC e, polo tanto, a conservación do parque de carbóns, unha caldeira, a sala de turbinas, dúas torres de refrixeración próximas entre elas, e a sala de control, para integrar o Museo Galego da Electricidade, que deberá contar cun plan de usos (outros compatíbeis, como recreativos, ocio, …) e xestión, que tamén defina o órgano xestor e a súa fórmula xurídica, no que deberán participar, cando menos, as administracións públicas (estatal, galega, provincial, municipal) e Endesa; o conxunto deberá completarse con outras instalacións enerxéticas – pasadas, presentes e futuras- de xeración eléctrica e/ou térmica do concello das Pontes, e do veciño Parque Experimental de Sotavento.

Ademais de demandar a colaboración e implicación, cando menos económica, do resto de administracións públicas, as iniciativas tamén reclaman de Endesa a elaboración dun estudo, baixo a coordinación da Xunta, para a utilización, a curto prazo, do resto de instalacións e terreos, no que se contemplen distintos usos que posibiliten a xeración de emprego e a recuperación socioeconómica das Pontes e do seu entorno.