Skip to main content
RiotortoRiotorto AMARIÑAXA

Riotorto prepárase para a XV edición da Feira do Ferro o día 21

Por 8 Abril, 2024Abril 16th, 2024Sin comentarios

Riotorto volve celebrar a Feira da Artesanía do Ferro, que chega á súa XV edición, organizada pola Asociación de Ferreiros e co apoio da Fundación Artesanía de Galicia.

A organización do evento fixo público o programa, que volve contar con demostracións en vivo de oficios, nas que haberá pirogravado, torneado de madeira, cestería, alfarería e cristal tallado ademais da artesanía do ferro e os obradoiros infantís.

A Feira da Artesanía do Ferro de Riotorto celebrarase no recinto feiral cuberto baixo carpa, onde tamén se poderá degustar polbo e outra comida tradicional. Haberá animación musical durante toda a xornada a cargo de Gaiteiros de Riotorto e de Charanga NBA, ademais dun espectáculo de fogo.

A feira terá lugar o domingo, e abrirá as súas portas ás 11.00 horas comezando xa de seguido coas demostracións de oficios, que contarán con cristal tallado a cargo de Eugenio Soto de Vigo; alfarería con Aparicio de Buño; cestería con Lito de Lugo; torneado con José Manuel de Arzúa, e pirogravado con José Lázaro de Ponferrada.

Trala actuación do Coro de Riotorto, terá lugar a inauguración oficial, que será ás 12.15.

A continuación terán lugar as demostracións en vivo da artesanía do ferro e os obradoiros infantís. Estas estarán a cargo de ferreiros de Riotorto así como do Centro de Interpretación de la Forja (Navarra). Destarán os traballos de Alberto Leis, Friedich Brasmsteidl, Antonio do Corgo, Forxa Chago, Thomas Mink e Jorge Eiroá.

Os obradoiros infantís estarán a cargo do ferreiro austríaco Friedich Brasmsteidl a partir das 12.45 horas, xunto á animación de rúa e musical que tamén será a encargada de iniciar a programación da tarde.

Tralas novas demostracións en vivo de oficio da tarde, un espectáculo infantil no atrio da igrexa porá o punto e final á programación. Será Mira el Coyote Show, co mago máis televisivo do momento.

TRADICIÓN

A Feira do Ferro que se celebra en Riotorto dende o ano 2007 no mes de abril é un gran encontro, un dos piares clave da súa economía. Xurdiu a iniciativa de catro amigos que en 2006 comezaron a pensar en como promover a súa profesión.

Na actualidade na zona de Riotorto hai aproximadamente unha ducia de persoas facendo pezas de ferro, pero a súa situación non é sinxela. “Séguese consumindo moito ferro, séguense demandando pezas para o monte e para as plantacións, ademais de utensilios sinxelos para as casas, pero comparado con hai anos vai descendendo. En tódolos sitios unha ferramenta manual fai falla, o sector das ferramentas é necesario, pero a artesanía non pode competir cos prezos das fábricas”, din dende a asociación.

O proceso manual que fan os ferreiros é moito máis laborioso e custoso, polo que se encontran cunha problemática, “existe un circulo vicioso no campo, a xente que demanda as ferramentas tamén ten problemas para vender a súa produción, como a leite ou os produtos de horta. É unha cadea, se eses prezos están baixos nos temos que baixalos para que poidan acceder ás ferramentas. Se non hai cartos móvese todo con dificultade. Se encontran un coitelo por dous euros cómprano, pero logo tamén ven que a calidade non é a mesma”.