A CIG considera insuficientes as medidas do Goberno sobre vivenda e chama á mobilización

A central sindical reclama medidas para garantir o dereito á vivenda, intervir nos sectores estratéxicos, aumentar o SMI, reforzar a protección social e os servizos públicos
FERROL manifestacion vivenda 28.09.2026
1 Oct 2026

A CIG considera insuficientes as medidas avanzadas polo Goberno en materia de vivenda e para conter a subida dos prezos, que, segundo denuncia o sindicato, está a ameazar as economías das familias galegas e a empobrecer cada vez máis a clase traballadora. Por este motivo, chama á mobilización para reclamar medidas que garantan o dereito á vivenda, a intervención pública nos sectores estratéxicos, o incremento do Salario Mínimo Interprofesional (SMI), unha maior protección social e o reforzo dos servizos públicos.

O secretario xeral da CIG, Paulo Carril, considera necesario reaccionar ante a situación e mobilizarse fronte aos gobernos e á patronal. “Cómprenos reaccionar, dar resposta e mobilizarnos para facer fronte a esta situación, ante os Gobernos e ante a Patronal porque pretenden que a clase traballadora galega sexamos quen paguemos, máis unha vez, esta nova crise, como pasou coas crises anteriores”, afirma.

A central sindical chama a participar masivamente na mobilización convocada para o 3 de outubro polo dereito a unha vivenda digna. Ademais, ten previstas asembleas de delegadas e delegados o 8 de outubro e manifestacións comarcais o 1 de decembro baixo o lema “A suba dos prezos que a pague o capital. Queremos vivir dignamente”.

Fronte á subida dos prezos da electricidade, dos combustíbeis, dos produtos de primeira necesidade e da vivenda, así como ante o que considera unha grave deterioración dos servizos públicos e un retroceso nas políticas sociais, a CIG defende que unha das primeiras medidas debería ser a paralización do gasto militar e o destino deses recursos á protección social, aos servizos públicos e á creación dun sistema público galego de atención ás persoas.

Neste sentido, Carril cualifica de “lamentábel” o papel da Xunta, á que acusa de manter unha posición “pasiva na adopción de medidas pero activa colaboradora en facilitar o medre dos beneficios das empresas”.

A CIG considera imprescindible a intervención pública en sectores estratéxicos como o financeiro, o enerxético, a alimentación, a vivenda e a mobilidade para garantir uns mínimos de benestar social. Tamén reclama incrementar o SMI ata os 1.374,74 euros mensuais, con carácter retroactivo desde o 1 de xullo de 2026, para cumprir coa Carta Social Europea.

O sindicato reclama igualmente que se promova o dereito á negociación colectiva, se garanta o poder adquisitivo dos salarios e se incorporen cláusulas de revisión salarial conforme ao IPC, así como a prevalencia dos convenios galegos fronte aos estatais.

Control dos prezos, dereito á vivenda e fin da especulación

No ámbito da alimentación, a CIG esixe que os gobernos fixen por lei prezos populares para os produtos básicos, garantan prezos xustos para as persoas produtoras e actúen contra as prácticas especulativas.

En materia de vivenda, o sindicato demanda un paquete de medidas que inclúa, xunto coa prohibición dos desafiuzamentos, a conxelación das cláusulas de actualización das rendas dos alugueiros e que non se apliquen subidas dos xuros nas hipotecas.

A central sindical tamén propón un plan de acción para poñer de maneira inmediata todas as vivendas da SAREB á disposición dos sectores sociais máis necesitados. Entre as súas propostas figura igualmente a intervención do mercado da vivenda mediante a fixación de prezos máximos de alugueiro acordes co salario medio de cada lugar e a creación dun Banco Galego de Vivenda destinado ao alugueiro social.

No ámbito enerxético, a CIG aposta pola creación dunha Empresa Pública Galega de Electricidade que garanta a enerxía ao servizo do pobo. Tamén reclama a aprobación dunha Tarifa Eléctrica Galega para abaratar a factura da luz e unha reforma do marco legal que permita eliminar da factura os cargos que non teñan relación directa co funcionamento do sistema eléctrico.

En relación cos combustíbeis, a central sindical demanda que o Goberno fixe un prezo máximo para a gasolina e o diésel, tomando como referencia o prezo medio das gasolineiras do 24 de febreiro de 2022. Para garantir a mobilidade, reclama tamén o reforzo dos servizos de transporte público mediante o aumento das frecuencias e a ampliación dos horarios, así como a redución das esixencias para acceder a maiores descontos e a ampliación dos traxectos gratuítos.

0.72653198242188