A CIG considera insuficientes as medidas aprobadas polo goberno sobre vivenda e chama á mobilización

A CIG considera que as medidas avanzadas polo goberno en materia de vivenda e para conter a desbocada alza dos prezos, que ameaza con colapsar as economías das familias galegas e que está empobrecendo cada vez máis á clase traballadora galega, son escasas e insuficientes. Por iso, chama á mobilización para reclamar medidas que garantan xa o dereito a vivenda, a intervención nos sectores estratéxicos, a suba do SMI, maior protección social e reforzo dos servizos públicos.
“Cómprenos reaccionar, dar resposta e mobilizarnos para facer fronte a esta situación, ante os Gobernos e ante a Patronal porque pretenden que a clase traballadora galega sexamos quen paguemos, máis unha vez, esta nova crise, como pasou coas crises anteriores”, afirma o secretario xeral, Paulo Carril.
A central sindical chama a manifestarse masivamente, como vén facendo todos estes anos, o vindeiro día 3 de outubro polo dereito a unha vivenda digna. Ten convocadas asembleas de delegadas e delegados o día 8 de outubro e manifestacións comarcais para o vindeiro día 1 de decembro, baixo o lema “A suba dos prezos que a pague o capital. Queremos vivir dignamente”.
Fronte á suba descontrolada dos prezos da electricidade, dos combustíbeis, dos produtos de primeira necesidade, da vivenda, da grave deterioración dos servizos públicos e do retroceso nas políticas sociais, a CIG considera que a primeira medida que habería que adoptar é a paralización do gasto militar e que ese cartos se destinen a protección social, servizos públicos e un sistema público galego digno de atención ás persoas.
Neste sentido, Carril cualifica de “lamentábel” o papel da Xunta, “pasiva na adopción de medidas pero activa colaboradora en facilitar o medre dos beneficios das empresas”.
Para a central sindical é imprescindíbel a intervención pública en sectores estratéxicos, como o financeiro, enerxético, alimentación, vivenda e mobilidade para garantir uns mínimos de benestar social. Isto alén de que se incremente o Salario Mínimo Interprofesional, fixándoo nos 1.374,74 euros mensuais o SMI, con carácter retroactivo desde o 1 de xullo de 2026, para cumprir xa a Carta Social Europea.
A CIG reclama, ademais, que se promova o dereito á negociación colectiva, o poder adquisitivo dos salarios e as cláusulas de revisión salarial conforme o IPC, garantindo a prevalencia dos convenios galegos fronte os estatais.
Control dos prezos, dereito á vivenda e fin da especulación
Exixe que os gobernos fixen por lei prezos populares en produtos básicos de alimentación, prezos xustos para quen os produce e que se actúe contra quen especula.
Respecto da vivenda, o sindicato nacionalista demanda un paquete de medidas que inclúan, xunto coa prohibición dos desafiuzamentos, a conxelación das cláusulas das rendas dos alugueiros e que non se apliquen as subas de xuros nas hipotecas.
Canda isto propón un plan de acción para que se poñan a disposición inmediata todas as vivendas da SAREB para os sectores sociais máis necesitados, a intervención do mercado da vivenda fixando os prezos máximos de alugueiro acordes co salario medio do lugar e a creación dun Banco Galego de Vivenda para aluguer social.
A CIG aposta pola creación dunha Empresa Pública Galega de Electricidade, que garanta a enerxía ao servizo do pobo. Aprobación dunha Tarifa Eléctrica Galega, abaratando a factura da electricidade e a reforma do marco legal para limpar da factura os cargos que non teñen relación directa co funcionamento do sistema eléctrico.
No relativo aos combustíbeis demanda que o Goberno fixe un prezo máximo da gasolina e do diésel, pero tomando como base o prezo medio nas gasolineiras ao 24 de febreiro de 2022. No mesmo sentido, para garantir a mobilidade, reclama que se reforcen os servizos de transporte público aumentando as frecuencias, ampliando os horarios para facilitar os desprazamentos, reducindo as exixencias para o acceso a maiores descontos e ampliando os traxectos gratuítos.