21 films de 16 países estarán presentes no Festival Internacional de Cinema Cortocircuíto de Santiago

Completa a presentación da súa programación coa sección oficial Cosmos e cos xurados que decidirán o palmarés desta vixésimo terceira edición
cosmos-festival-internacional
22 Jun 2026

A concelleira de Capital Cultural do Concello de Santiago de Compostela, Míriam Louzao; o deputado de Contratación e Patrimonio da Deputación da Coruña Xosé Lois Penas; o director da Axencia Galega das Industrias Culturais, Jacobo Sutil; e o director artístico de Curtocircuíto, Pela del Álamo, presentaron os últimos contidos do Festival Internacional de Cinema Curtocircuíto, que se celebrará entre o 30 de xuño e o 5 de xullo.

Durante seis xornadas, Santiago de Compostela volverá converterse nun espazo de encontro para o cinema contemporáneo e a creación audiovisual internacional. A programación desta edición abrangue as seccións competitivas Cosmos, Planeta GZ e Supernova; os focos dedicados a Lawrence Lek e Gala Hernández López; a entrega do Premio Curtocircuíto Atlas á cineasta francesa Marie Losier; a sección Terra, dedicada ao arquitecto, cineasta e fotógrafo Tono Mejuto; e o ciclo Psicoxeografías, que este ano conectará cinema, territorio e performance audiovisual.

O festival completará a súa proposta cun programa de concertos audiovisuais e estreas site-specific en diferentes espazos da cidade, con artistas como Ryoichi Kurokawa, Marta Verde e José Venditti, Los Sara Fontan e Tamara de la Fuente, Arvin Dola e Irene Gaumé ou Artur M Puga e Sevi Iko Dømochevsky. Ademais, Curtocircuíto ofrecerá encontros con creadoras e creadores como Marie Losier, Lawrence Lek, Gala Hernández López, Ricardo Cases, Marta Echaves ou Aleix Plademunt, así como dúas novas residencias artísticas de fotografía protagonizadas por Manuela Lorente e Ricardo Cases.

21 filmes de 16 países en Cosmos

O cinema continúa sendo o eixe principal de Curtocircuíto. Nesta nova edición, Curtocircuíto presenta un total de 21 filmes procedentes de 16 países que conforman a sección oficial Cosmos. No festival, o público poderá viaxar a través de obras chegadas de Nova Zelandia, Irán, China, Estonia, Sudáfrica, Estados Unidos, Suíza, Alemaña, Austria, Francia, Bélxica ou Macedonia do Norte, entre outros territorios que compoñen un mapa plural e en constante transformación.

A selección inclúe ficción, documental, animación e obras híbridas que exploran os límites da linguaxe audiovisual contemporánea. Nesta última liña, dentro da Sección Oficial o festival destaca sete traballos que manteñen vivo o espírito de Explora, unha das seccións históricas de Curtocircuíto. Son The Tragic Movement of the Spheres de Simon Rieth (Francia), DATNA ÉCLAT de Tina Frank (Austria), où la nuit tombe un bruit sourd de Sophie Watzlawik (Alemaña, Austria), A Flock of Rotations de Jung An Tagen (Austria), This Arrow Points de Siegfried A. Fruhauf (Austria), A Thousand Waves Away de Helena Wittmann (Alemaña) e Sie puppt mit Puppen de Karin Fisslthaler (Austria).

Cosmos recolle ademais obras narrativas como When the Geese Flew de Arthur Gay, unha historia sobre os vínculos familiares e a adolescencia; Loynes de Dorian Jespers, un insólito drama xudicial ambientado no Liverpool do século XIX; ou 1:10 de Sinan Taner, unha reflexión sobre os mecanismos da violencia e a tensión social.

Destacan tamén Sawyer Avenue, Sunday Afternoon de Bill Morrison, unha mirada á deriva autoritaria dos Estados Unidos contemporáneos; Spray and Pray de Veneta Androva, sobre as novas economías da desinformación dixital; ou Singing of the Evening Stars de Iris Sang, unha experiencia sensorial en Los Ángeles que conecta territorio e memoria. Outros títulos son As I Lay Dying de Mohammadreza Farzad e Pegah Ahangarani (Irán), This Suffocating Now de Vika Kirchenbauer (Alemaña).

Completan a sección Vultures de Dian Weys (Sudáfrica, Francia) e Deus é tímido de Jocelyn Charles (Francia).

A representación do cinema estatal chega da man de propostas como Stallion y la bola de cristal de Christian Avilés, Vegetare de Adrià Expòsit-Goy, Abortion Party de Julia Mellen e like moths to light de Gala Hernández, entre outras.

Cosmos destaca tamén pola presenza de creadoras, o 53% dos traballos están dirixidos por mulleres. As obras abordan algunhas das cuestións centrais do presente desde perspectivas moi diversas. Entre elas figuran Iris Sang, Veneta Androva, Vika Kirchenbauer, Julia Mellen e Gala Hernández López, xunto a autoras como Helena Wittmann, Sophie Watzlawik, Tina Frank ou Karin Fisslthaler. As súas obras transitan por cuestións como a memoria, a identidade, os procesos de transformación social, a desinformación dixital ou as posibilidades expresivas da propia imaxe cinematográfica.

A competición contará coa mirada de tres xurados complementarios. O xurado oficial estará composto pola cineasta Jaione Camborda, o escritor Ismael Ramos e o cineasta, fotógrafo e arquitecto Tono Mejuto. O xurado Galiza reunirá ao tamén cineasta Iván Castiñeiras, ao montador e músico Marcos Flórez e á actriz e cineasta Carmen Méndez. Pola súa banda, o Xurado Novo estará integrado por Valentina Unda, Miguel González, Carlota Álvarez, Juan Arca e Andrea Mariño, reforzando a presenza de novas voces na valoración da programación do festival.

Sección oficial Cosmos:

  • 1:10 de Sinan Taner. 2024 - Suíza.
  • A Flock of Rotations de Jung An Tagen. 2025 - Austria.
  • A Thousand Waves Away de Helena Wittmann. 2025 - Alemaña
  • Abortion Party de Julia Mellen. 2025 - España.
  • As I Lay Dying de Mohammadreza Farzad e Pegah Ahangarani. 2026 - Irán.
  • DATNA ÉCLAT de Tina Frank. 2025 - Austria.
  • Deus é tímido de Jocelyn Charles. 2025 - Francia.
  • like moths to light de Gala Hernández. 2026 - España, Francia, Italia.
  • Loynes de Dorian Jespers. 2025 - Bélxica, Francia, Macedonia do Norte, Reino Unido.
  • où la nuit tombe un bruit sourd de Sophie Watzlawik. 2025 - Alemaña, Austria.
  • Sawyer Avenue, Sunday Afternoon de Bill Morrison. 2026 - Estados Unidos.
  • Sie puppt mit Puppen de Karin Fisslthaler. 2025 - Austria.
  • Singing of the Evening Stars de Iris Sang. 2026 - Estados Unidos, China, Estonia.
  • Spray and Pray de Veneta Androva. 2026 - Alemaña, Bulgaria.
  • Stallion y la bola de cristal de Christian Avilés. 2026 - España.
  • The Tragic Movement of the Spheres de Simon Rieth. 2026 - Francia.
  • This Arrow Points de Siegfried A. Fruhauf. 2025 - Austria.
  • This Suffocating Now de Vika Kirchenbauer. 2026 - Alemaña.
  • Vegetare de Adrià Expòsit-Goy. 2026 - España.
  • Vultures de Dian Weys. 2025 - Sudáfrica, Francia.
  • When the Geese Flew de Arthur Gay. 2025 - Nova Zelandia.

O festival conta cun abono xeral de 25 euros, válido para todas as actividades programadas no Teatro Principal, Auditorio e NUMAX. As entradas individuais terán un prezo de 4 euros para as proxeccións de cine e de 7 euros para as sesións Live AV, mentres que os DJ sets na Sala Fantástica serán de acceso libre. As sesións especiais serán gratuítas, previa retirada de entradas (máximo 2 por persoa). As actividades programadas nas prazas da cidade serán tamén de acceso libre e gratuíto. As entradas poderán adquirirse en liña a través de compostelacultura.gal e de maneira presencial na Zona C, no Teatro Principal e, no caso da sesión Terra, en NUMAX. O abono deberá recollerse fisicamente na Zona C e non garante o acceso a todas as actividades, xa que a entrada aos eventos estará suxeita á retirada previa de localidades ata completar a capacidade.

0.3792998790741