30 espectáculos galegos na 12ª edición de Galicia Escena PRO

A feira Galicia Escena PRO, organizada pola Xunta en Santiago do 2 ao 5 de xuño, contará con 18 producións en escena e 12 proxectos en formato pitching.
Espectaculos Xunta
14 Apr 2025

A Xunta de Galicia vén de dar a coñecer a listaxe de espectáculos seleccionados para a 12ª edición de Galicia Escena PRO, o mercado galego das artes escénicas que organiza a Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude coa asociación Escena Galega. O encontro celebrarase do 2 ao 5 de xuño en Santiago de Compostela e incluirá 18 producións en formato completo e 12 presentacións rápidas ou pitchings dirixidas a profesionais acreditados.

A selección foi realizada por unha comisión artística entre 66 propostas para exhibición e 38 para pitching, e inclúe teatro, danza, circo e maxia. Entre as propostas programadas destacan tanto compañías consolidadas como formacións emerxentes, cunha ampla variedade de estilos e públicos.

Entre os espectáculos de teatro para adultos están As gardiás ou o nó do tecelán (Teatro de Ningures), María Visitación Consolación Amadora (Loia Producións), O proceso (Malasombra) ou Un deus salvaxe (Talía Teatro). Para público familiar destacan Bulebule (Os Náufragos Teatro) ou Maruxiña (Aurora Artes Escénicas). Tamén haberá cinco pezas de danza, entre elas Cicatriz (Kirenia Danza) ou Aurora Boreal (Paula Quintas Cía.), e unha de circo: Rogelio III. La fête (AsSircópatas).

En canto aos pitchings, presentaranse proxectos como A derradeira leición do mestre (Chévere), A metamorfose (Sarabela Teatro), Galerock’n magic (Mago Teto) ou Xoguetes rotos (Barrosanta e ButacaZero).

A maiores, o evento contará con dúas propostas invitadas de Madrid e Valencia, froito do acordo con MADferia e Dansa València.

⚙ Configurar cookies
0.10950899124146