300 voces cantan Manuel María na xira do concerto 'As rúas do vento ceibe'

A música e a poesía galega únense nun espectáculo único e emocionante, Concerto As rúas do vento ceibe, que percorrerá tres grandes escenarios de Galicia neste mes de maio: o Auditorio Fuxan os Ventos de Lugo (venres día 15), o Pazo da Cultura de Pontevedra (venres día 29) e o Auditorio de Galicia en Compostela (sábado día 30).
Máis de 300 voces e instrumentistas darán vida a un proxecto artístico de grande formato, baixo a dirección de David Fiuza, actual director da Banda Municipal de Compostela, en que a palabra de Manuel María, Rosalía de Castro e Celso Emilio Ferreiro se transforma en son e emoción compartida.
Trátase dun destacado proxecto colectivo promovido pola Fundación e Casa-Museo Manuel María, que ten como finalidade poñer en valor a obra As rúas do vento ceibe a través da súa adaptación musical. O compositor Xosé Carlos Seráns, actual presidente da Asociación de Compositores Galegos, é o responsábel da creación das pezas, que serán interpretadas por unha formación musical de grande relevancia como é a Orquestra Sinfónica de Pontevedra e unha ampla representación coral de Galiza.
Participarán un total de oito corais —cinco de adultos e tres de nenos e nenas—, ademais dunha mezzosoprano solista, configurando un conxunto artístico que reflicte a envergadura e a calidade desta iniciativa, chamada a converterse nun evento de especial significación cultural e nunha experiencia cultural inesquecíbel onde tradición, identidade e tenrura se dan a man.
O concerto preséntase en dúas partes, sen intermedio. Na primeira a Orquestra Sinfónica de Pontevedra acompañará á mezzosoprano Julia Portela e ao coro de persoas adultas composto polos seguintes cinco coros: Coro de Cámara Thalassa de Marín, Coro Liceo de Vilagarcía, Coral Solfa de Santiago, Sociedade Coral Polifónica de Pontevedra e Coro do Hospital de Lugo. Interpretaranse pezas compostas sobre poemas de Manuel María, Rosalía e Celso Emilio que son estreas no formato de orquestra sinfónica. Na segunda parte levarase a cabo a estrea absoluta de As rúas do vento ceibe, sete pezas compostas sobre outros tantos poemas de Manuel María pertencentes ao libro do mesmo título. Neste caso, a mesma orquestra acompañará ao coro infantil composto polos seguintes tres coros: Voces da Terra Chá (Lugo), Peque Coro In Crescendo de Ferrol e Coro IES A Xunqueira de Pontevedra.
Polo grande formato do espectáculo este producirase unicamente en tres cidades: Lugo, Pontevedra e Santiago de Compostela. Mais co fin de rendabilizar o importante proxecto cultural que encerra e o enorme esforzo realizado para o levar a cabo, está previsto alongarlle a súa vida mediante unha publicación que incluirá a gravación do concerto, as partituras das cancións e unha serie de material didáctico para difundir entre os departamentos de música dos centros educativos, escolas de música e conservatorios galegos.