326 xornalistas de 20 países compiten polo XLVII Premio Internacion de Periodismo Julio Camba

A cuadraxésimo sétima edición do Premio Internacional Afundación de Periodismo Julio Camba é xa a de maior participación. O xurado terá que decidir entre un total de 326 candidaturas chegadas de 20 países. Supón un incremento do 37 % con respecto á edición anterior para un galardón que nas súas 5 últimas convocatorias medrou significamente no número de participantes. Na cuadraxésimo segunda edición foron presentados 119 traballos. O premio será entregado a comezos de 2027 nunha gala en Madrid que volverá reunir a destacadas firmas do xornalismo e a literatura en español.
O Premio Internacional Afundación de Periodismo Julio Camba, vicedecano dos galardóns dedicados ao xornalismo de opinión e literario en España e un dos máis relevantes do mundo hispanofalante por dotación e prestixio, continúa avanzando na súa internacionalización. O número de candidaturas procedentes do estranxeiro alcanza na actual convocatoria as 106, o que supón un incremento superior ao 79 % con respecto á edición anterior. O 95 % destas candidaturas chegan desde América Latina e o Caribe. A vontade da Obra Social de ABANCA de converter o premio nun referente para o xornalismo literario e de opinión escrito en fala hispana, e moi especialmente a colaboración coa Fundación Gabo, foron fundamentais para alcanzar este avance. A Fundación Gabo, que promove o xornalismo ético, rigoroso, innovador e de excelencia en Iberoamérica, inspirado no legado do escritor e premio nobel de literatura Gabriel García Márquez, colabora co Premio Internacional Afundación de Xornalismo Julio Camba desde hai tres anos.
Tres dos 326 artigos recibidos serán seleccionados e proclamados como finalistas na primeira das dous reunións do xurado, que se celebrará nas últimas semanas do ano. A comezos de 2027 e xusto antes da gala de entrega, que terá lugar en Madrid, o xurado volverase reunir para decidir cal dos 3 artigos finalistas merece o premio. O galardón está dotado con 10.000 euros para o artigo gañador e 2.000 para cada un dos outros dous artigos finalistas.
Julio Camba (Vilanova de Arousa, 1884 – Madrid, 1962) pertence á estirpe dos grandes escritores que desenvolveron boa parte da súa actividade nos xornais, ao igual que Wenceslao Fernández Flórez, Josep Pla, Azorín, Álvaro Cunqueiro, Max Aub ou Corpus Barga. Personaxe de biografía viaxeira, correspondente en distintos países, autor de espírito libre e talante liberal, a súa obra foi recollida en diversos volumes e é estudada tanto nas facultades de Literatura como de Xornalismo. Os seus escritos caracterízanse pola imaxinación e o humor, a capacidade de observación e un espírito crítico, literario, que captura ao lector con intelixencia e extraordinaria eficacia, valores que se procuran mediante a convocatoria deste premio.