4ª edición de ‘Rock entre pedra e poesía’ trae Os Secretos ao Claustro de Celanova

O delegado territorial da Xunta en Ourense, Manuel Pardo, presentou esta mañá a 4ª edición do Ciclo ‘Rock entre pedra e poesía’, acompañado polo director de Cultura e Deporte da Deputación, Marcos Vázquez, e polo alcalde de Celanova, Antonio Puga. O vindeiro 22 de agosto, o Claustro do Mosteiro de San Salvador de Celanova acollerá o concerto de Os Secretos, nun evento que pretende poñer en valor o patrimonio ourensán a través da música.
Pardo destacou que, co patrocinio de Turismo de Galicia e a colaboración da Deputación de Ourense e do Concello de Celanova, o ciclo busca resaltar espazos de inestimable valor patrimonial e cultural. “A escenografía natural do claustro é a mellor xanela para gozar de música de alta calidade en directo nun entorno incomparable”, apuntou.
As entradas, xa dispoñibles en Ataquilla.com, teñen un prezo de 36 € (máis gastos de xestión) en venda anticipada e 40 € o día do concerto. O aforo está limitado a 800 persoas e o espectáculo comezará ás 22:00 h.