7.000 usuarios de residencias foron vacinados desde xuño contra o herpes zóster e o psneumococo

Caamaño avanza que este colectivo volverá ser, nas vindeiras semanas, o primeiro en recibir a vacina contra a covid-19 e a gripe, que será reforzada a partir dos 65 anos
vacina-intranasal-gripe-nenos
9 Sep 2026

O conselleiro de Sanidade, Antonio Gómez Caamaño, subliñou hoxe, no pleno do Parlamento de Galicia, que a campaña de vacinación en residencias, iniciada o pasado 16 de xuño, permitiu protexer este verán a máis de 7.000 maiores fronte ao herpes zóster e o pneumococo.

Nesta liña, o titular da carteira sanitaria da Xunta explicou que, nas vindeiras semanas, este colectivo volverá ser, como todas as campañas, o primeiro en recibir a vacina fronte a covid-19 e a gripe, que será reforzada no caso da poboación con 65 anos e máis anos.

A Consellería de Sanidade presta unha especial atención ás persoas que viven en centros residenciais a través da prevención, a vixilancia epidemiolóxica, o control de riscos e a asistencia sanitaria.

No relativo ao gromo de escabiose rexistrado nunha residencia de Monforte de Lemos, o titular de Sanidade precisou que a Dirección Xeral de Saúde Pública está a levar a cabo a vixilancia e seguimento epidemiolóxico estipulados no protocolo, que establece oito semanas de seguimento desde a aparición do último caso e a comprobación de que non se detectasen novos casos.

Tal e como explicou, a escabiose é unha infestación na pel producida por un ácaro, que se transmite principalmente polo contacto directo e prolongado entre persoas. Trátase dunha infección molesta, pero non grave, que pode afectar a calquera persoa, independentemente dos seus hábitos de hixiene. No caso das persoas maiores pode presentar manifestacións menos características, o que pode dificultar ou atrasar a súa detección, o que facilitaría o contaxio.

No peche da súa intervención, Gómez Caamaño destacou a aposta da Xunta polos coidados sanitarios no sur da provincia de Lugo, lembrando o reforzo cun segundo equipo de hospitalización a domicilio (HADO) en Monforte de Lemos, e que permitiu ampliar a cobertura aos concellos de Chantada, Carballedo, Quiroga e Ribas de Sil.

0.32608199119568