A Academia de Cine e Greenpeace recoñecen o compromiso ambiental de intérpretes galegos co Premio Rayo Verde

Actores, actrices e figuras destacadas da cultura galega como Mabel Rivera, Manuel Rivas, Miguel de Lira, Carlos Blanco, Nerea Barros, Luis Tosar, Martiño Rivas, Luis Zahera, Quico Cadaval e Isabel Risco recibirán o Premio Rayo Verde da Academia de Cine e Greenpeace polo seu compromiso coa defensa do medio ambiente.
A organización ecoloxista puxo en valor o papel desempeñado polos intérpretes galegos na defensa activa da biodiversidade e do territorio en Galicia, destacando especialmente a súa implicación nos movementos cidadáns desenvolvidos nos últimos anos. Segundo Greenpeace, este recoñecemento pretende visibilizar o compromiso destes profesionais do cinema coa xustiza social e coa protección do medio natural galego.
O xurado destacou no seu fallo o “compromiso activo e visible” do colectivo cultural galego, así como a súa colaboración con movementos sociais, ecoloxistas e veciñais como Greenpeace e a plataforma Ulloa Viva. Tamén salientou a defensa dun modelo rural “vivo e sustentábel” fronte a proxectos industriais extractivistas como o promovido por Altri en Palas de Rei.
A resolución subliña ademais o labor de actores, actrices e cineastas galegos na difusión e visibilización desta mobilización social, considerada un exemplo da importancia de preservar os recursos naturais e defender un modelo de vida respectuoso co medio ambiente e co territorio.
O Premio Rayo Verde distingue anualmente persoas e entidades vinculadas ao audiovisual polo seu compromiso ambiental. Nas edicións anteriores foron recoñecidos o produtor e distribuidor José María Morales, os actores Elena Anaya e Carlos Bardem en representación dos profesionais implicados na defensa dos océanos, o director Álvaro Longoria e a actriz Alba Flores.