A AGV-FRUGA esixe medidas urxentes ante unha posible crise na D.O. Rías Baixas

A Denominación de Orixe Rías Baixas está a enfrontar as consecuencias dun modelo de crecemento sen control que se permitiu durante demasiado tempo. "O que ata agora eran síntomas preocupantes, poden converterse agora nunha realidade que lle chegue directamente á porta dos viticultores e viticultoras: hai adegas que estarían anunciando que esta campaña recollerían un rendemento por hectárea inferior ao establecido no prego de condicións da propia D.O., e outras que poderían ir aínda máis lonxe e non recoller uva", din.
A AGV-FRUGA mantivo durante anos unha posición clara e incómoda: "o problema non era o rendemento por hectárea de cada viticultor, senón o crecemento descontrolado dunha denominación que se estaba a converter nun destino de investimento especulativo antes que nun proxecto colectivo de territorio e de calidade. Houbo quen preferiu non escoitalo, e houbo quen chegou máis lonxe e pediu que se afrouxasen aínda máis as restricións. Houbo quen decidiu enfrontar ao sector en lugar de aportar solucións viables. A AGV-FRUGA non foi escoitada. Hoxe, o que advertimos está a suceder, pero o custe non o pagan os que non quixeron escoitar. Págano os de sempre".
Engaden que cando a administración renuncia a regular, é o mercado quen o fai. "E o mercado non actúa en favor dos pequenos: actúa en favor de quen ten o poder, das grandes corporacións que chegaron a Rías Baixas con capacidade para absorber perdas e que van deixar atrás, sen contemplación ningunha, aos produtores familiares que son a base histórica e identitaria desta denominación".
A AGV-FRUGA esixe que este momento sexa o punto de inflexión que debeu chegar antes. "É inadmisible que sigan autorizándose novas inscricións e novas plantacións mentres hai uva que corre o risco de quedarse nas viñas sen ser recollida. Esiximos unha paralización inmediata. E esiximos que as administracións estean xa a traballar en solucións concretas para os pequenos viticultores que se enfrontan a unha vendima con futuro incerto, porque eles non teñen marxe para esperar. A Xunta de Galiza debe convocar a Mesa do Viño para abordar as solucións e saídas posibles a este grave problema que se presenta na D.O", din.