A alcaldesa de Santiago proporá a medalla de ouro da cidade para Xosé Manuel Beiras a título póstumo

A alcaldesa de Santiago de Compostela, Goretti Sanmartín, impulsará a concesión da máxima distinción institucional do Concello, a medalla de ouro da cidade, para Xosé Manuel Beiras de xeito póstumo. Así o anunciou esta mañá, pouco despois de coñecerse o pasamento do histórico referente do nacionalismo galego.
A rexedora explicou que levará a proposta á Comisión de Honras e Condecoracións, o órgano municipal encargado de valorar este tipo de recoñecementos, ao considerar que se trata dunha distinción merecida para alguén que, nas súas palabras, representou a cidade "en todas as facetas da súa vida".
Sanmartín destacou que a traxectoria de Beiras deixou pegada tanto no ámbito político coma no académico e no cultural, con raíces fondas en Compostela que, segundo sinalou, se proxectaron despois ao conxunto de Galiza. A alcaldesa subliñou que o seu legado será lembrado de xeito permanente na cidade.
Na súa comparecencia, a rexedora tamén lembrou algúns dos actos institucionais compartidos recentemente, entre eles a homenaxe á súa esposa, Aurichu, recoñecida como filla predilecta, así como o propio acto de recoñecemento a Beiras como escritor, celebrado coa plantación dun teixo no parque de Galeras.
Sanmartín quixo ademais poñer en valor a dimensión persoal e política do falecido, a quen definiu como un compañeiro que dedicou toda a súa vida a pensar, a construír e a defender os intereses de Galiza. A alcaldesa concluíu expresando o seu recoñecemento por ter compartido traxectoria política cunha persoa que cualificou de "profundamente humana" e, á vez, "excepcionalmente brillante".