A alerta laranxa por tormentas amplíase este sábado ao centro de Lugo e actívanse para mañá os avisos na Mariña

A Xunta activou para mañá unha alerta laranxa por tormentas e chuvias na Mariña lucense e ampliou para hoxe ao centro de Lugo o aviso que xa estaba activo en toda a provincia da Coruña por este mesmo fenómeno meteorolóxico.
A Dirección Xeral de Emerxencias e Interior da Consellería de Presidencia, Xustiza e Deportes informou da situación, a través do Centro Integrado de Atención ás Emerxencias 112 Galicia, aos concellos das provincias afectadas, ás deputacións, aos servizos provinciais, ás agrupacións de voluntarios de Protección Civil e aos clubs náuticos, entre outros organismos.
Segundo a información da Axencia Estatal de Meteoroloxía (Aemet), a alerta laranxa prevista para hoxe na provincia da Coruña e no centro de Lugo, así como a que se activará mañá desde primeiras horas da tarde na Mariña lucense, estará motivada por tormentas acompañadas de fortes refachos de vento e saraiba, ademais de precipitacións con acumulacións de 30 milímetros nunha hora.
Ante a previsión de fortes chuvias, a Xunta recomenda circular con precaución e informarse previamente do estado das estradas. Tamén aconsella non atravesar zonas inundadas ou que poidan chegar a asolagarse e evitar aparcar nas ribeiras dos ríos.
O Goberno galego incide na importancia de seguir as medidas de protección e extremar as precaucións ante esta situación meteorolóxica. Así mesmo, recomenda consultar a páxina web do CIAE 112, que ofrece información meteorolóxica e ligazóns de interese.