A alfarería de Niñodaguia busca o recoñecemento de Indicación Xeográfica Protexida

A Deputación de Ourense e o Concello de Xunqueira de Espadanedo traballarán para lograr este reoñecemento e fortalecer a identidade e a proxección da alfarería tradicional da Ribeira Sacra, evitando que se perda
luis-menor-pablo-graña
26 Mar 2026

O presidente da Deputación de Ourense, Luis Menor, a xerente do INORDE, Emma González, e o alcalde de Xunqueira de Espadanedo, Pablo Graña, reuníronse esta mañá no Pazo Provincal para avanzar nun proxecto orientado ao recoñecemento da alfarería tradicional de Niñodaguia como indicación xeográfica protexida.

A iniciativa enmárcase no obxectivo da institución provincial de impulsar iniciativas destinadas á valorización do patrimonio cultural e económico da provincia e busca aproveitar a recente modificación lexislativa que permite inscribir tamén produtos artesanais e industriais neste rexistro, co fin de fortalecer a identidade e a proxección da alfarería tradicional da Ribeira Sacra.

Menor destacou que se trata dunha “iniciativa ilusionante en favor da artesanía, neste caso da alfarería tradicional de Niñodaguia, que conta cunha singularidade suficiente para engadir valor á marca Ribeira Sacra”. O presidente provincial subliñou ademais que o obxectivo é “evitar que esta tradición desapareza e, pola contra, fomentar a creación dunha canteira de novos artesáns que permitan recuperar e potenciar este traballo tradicional”.

O presidente provincial tamén puxo en valor a importancia deste tipo de iniciativas para reforzar a candidatura da Ribeira Sacra como Patrimonio da Humanidade, destacando que “a artesanía, a paisaxe, o patrimonio cultural e o viño conforman un conxunto de enorme valor que reforza a identidade deste territorio”.

Pola súa banda, o alcalde de Xunqueira de Espadanedo, Pablo Graña, agradeceu o compromiso da Deputación coa artesanía de Niñodaguia e destacou o apoio da institución provincial ao museo da alfarería, aberto durante todo o ano e que conta cunha guía grazas a un convenio coa Deputación. Ademais, sinalou que esta nova proposta permitirá “acadar un distintivo a nivel europeo que reforzará a marca propia da Ribeira Sacra e contribuirá á recuperación dunha tradición histórica”.

A Deputación de Ourense reafirma así o seu compromiso coa defensa e promoción das tradicións artesanais da provincia, entendéndoas como un elemento clave para o desenvolvemento económico, cultural e turístico do territorio.

0.35147285461426