A ARMH organiza a segunda parte da Ruta da Memoria do 36 en Lugo con novos espazos da represión franquista

A Asociación para a Recuperación da Memoria Histórica (ARMH) celebrará o martes 24 de novembro a segunda parte da Ruta da Memoria do 36 en Lugo, un percorrido por distintos espazos vinculados á represión franquista na cidade. A actividade comezará ás 16:30 horas na rúa Doutor Rafael de Vega número 12, diante do busto do médico lucense.
Nesta segunda parte visitaranse lugares nos que se exerceu a represión durante o franquismo, como o antigo cuartel da Garda Civil e o edificio no que se atopaba Radio Lugo, cuxo soto funcionou como centro de detención e confinamento.
O roteiro tamén permitirá coñecer os casos de máis lucenses represaliados e achegarse aos espazos nos que desenvolveron a súa vida e o seu traballo. Entre eles figuran o sanatorio do doutor Rafael de Vega, a antiga sede do Goberno Civil, onde exerceu o gobernador civil Ramón García Núñez, e os domicilios do alcalde Francisco Lamas López, dos concelleiros gobernativos José Ramos López e Ángel Pérez López, e de Francisco Otero Saavedra, un dos lucenses deportados aos campos de concentración nazis.
A actividade estará coordinada polo investigador da ARMH Miguel Freire Sitjas e contará principalmente coa participación de familiares das vítimas. Entre eles estarán Santos Vega, neto de Rafael de Vega; María Jesús Rivas, sobriña de Severino Rivas Barja; Carlos Nuevo Cal, fillo de Ignacio Nuevo; Margarita Rodríguez Peinó, neta de Darío Peinó Jartín; Carlos Gegúndez López, sobriño-neto de Ramón Gómez López, deportado en Mauthausen; Marieta Pérez Sanz, neta do mestre nacional Gregorio Sanz; Ramón López, neto de Benito López López, de Ribadeo; e Gonzalo Vázquez Pozo, neto de Manuel Pozo Pozo, de Viveiro. Tamén participará a xornalista María Valcárcel Tabernero.
Durante o percorrido leranse poemas de Mero Iglesias, Martin Niemöller e Luz Pozo. A iniciativa busca manter viva a memoria do sucedido en Lugo tras o golpe de Estado de 1936 e durante a Guerra Civil, nunha cidade que quedou na retagarda do exército sublevado, e evitar que os episodios de represión e as historias das súas vítimas caian no esquecemento.