A Asociación AUXILIA de Lugo intégrase na Plataforma Galega de Voluntariado

A entidade lucense é unha das seis novas incorporacións aprobadas pola Asemblea Xeral da rede, que reúne xa 34 organizacións de toda Galicia
Auxilia-Lugo-Plataforma-Galega-de-Voluntariado
2 Oct 2026

A Asociación AUXILIA de Lugo pasa a formar parte da Plataforma Galega de Voluntariado (PGV), a rede de segundo nivel que agrupa entidades de acción voluntaria de toda Galicia. A incorporación foi aprobada na Asemblea Xeral celebrada o 28 de setembro, na que tamén se acordou a entrada doutras cinco organizacións.

Xunto con AUXILIA, incorpóranse á plataforma a Asociación para a Defensa Ecolóxica de Galiza (ADEGA), a Sociedade de San Vicente de Paúl, a Federación de Scouts de Galicia – E.C.G., a Federación ASDE – Scouts de Galicia e a Asociación Diversidades Acolle.

Con estas seis novas adhesións, a Plataforma Galega de Voluntariado alcanza xa as 34 entidades membro. En conxunto, estas organizacións superan as 90.000 persoas asociadas e as 25.000 persoas voluntarias, cunha actividade que abrangue ámbitos como a acción social, a defensa do medio ambiente, o voluntariado xuvenil e a inclusión.

Para AUXILIA, a incorporación permite sumar o seu traballo ao dunha rede galega na que as entidades comparten obxectivos, recursos e experiencias, ao tempo que se crean novas oportunidades de coordinación e colaboración.

Unha rede para fortalecer o voluntariado galego

A Plataforma Galega de Voluntariado é unha rede de entidades sen ánimo de lucro que desenvolven a súa actividade no ámbito do voluntariado en Galicia. A organización xurdiu da evolución da Plataforma Coruñesa de Voluntariado e constituíuse en decembro de 2025 co obxectivo de fortalecer a acción voluntaria, fomentar o traballo en rede, representar as entidades e crear espazos de coordinación, intercambio e visibilización.

A presidenta da PGV, Lorena Boga García, deu a benvida ás seis novas entidades e destacou o valor das incorporacións para reforzar a representación do voluntariado galego.

"Damos a benvida con moito agarimo ás seis entidades que hoxe se suman á Plataforma. Cada nova incorporación fortalece a nosa voz común e demostra que o voluntariado galego, cando traballa en rede, chega máis lonxe e con máis forza. Esta é unha rede que se constrúe entre todas, e estamos moi ilusionadas de facelo xuntas", sinalou.

A Plataforma Galega de Voluntariado traballa así para fortalecer o voluntariado, impulsar a colaboración entre as organizacións e dar maior visibilidade e representación ás entidades que desenvolven acción voluntaria en Galicia.

0.30439114570618