A Asociación de Patrimonio Industrial das Pontes insiste en reclamar protección para a cheminea da antiga térmica

A Asociación de Patrimonio Industrial das Pontes volveu reclamar garantías para asegurar a conservación da cheminea da antiga central térmica de Endesa tras manter unha reunión con responsables da Dirección Xeral de Patrimonio Cultural e da Consellería de Cultura. No encontro, no que tamén participou o alcalde das Pontes, Valentín González Formoso, a entidade asegura que recibiu o compromiso verbal da Xunta de impulsar a declaración da estrutura como Ben de Interese Cultural (BIC), aínda que sen fixar prazos concretos para iniciar a tramitación.
Durante a reunión, os representantes da asociación expuxeron os argumentos técnicos que, ao seu xuízo, xustifican a protección deste elemento emblemático da antiga central, ademais de facer un repaso das actuacións realizadas ata o momento e trasladar o respaldo institucional co que afirman contar para defender a conservación deste patrimonio industrial.
A entidade sinala que o seu principal obxectivo era obter garantías sobre o futuro da cheminea e doutros elementos do complexo. Segundo indican, a Administración mostrou a súa disposición a promover a declaración como BIC da cheminea, aínda que non concretou un calendario para desenvolver o procedemento.
Desde a asociación lembran que o expediente administrativo actualmente en marcha expira no mes de marzo do próximo ano, polo que nas próximas semanas deberán decidir se consideran suficiente este compromiso verbal ou se impulsan novas iniciativas para reclamar unha protección efectiva.
Ademais, durante o encontro propuxeron a elaboración dun estudo global sobre os elementos patrimoniais conservados na antiga central térmica co obxectivo de avaliar o seu valor histórico e industrial. Con todo, aseguran que sobre esta proposta non obtiveron unha resposta concreta, polo que a reunión rematou sen avances neste aspecto.
A Asociación de Patrimonio Industrial das Pontes convocará agora unha asemblea para analizar o resultado do encontro e decidir os seguintes pasos a dar. Posteriormente fará público un comunicado consensuado entre os seus integrantes no que recollerá a súa valoración da reunión e os apoios institucionais que, segundo sostén, respaldan a súa reivindicación en favor da conservación da cheminea e doutros elementos da antiga central térmica.