A Asociación Galega de Viticultura reclama á Xunta medidas urxentes para afrontar a crise da D.O. Rías Baixas

A entidade demanda contratos con prezos garantidos, compromiso de recollida da uva e unha planificación a longo prazo para asegurar a viabilidade do sector
Uvas-Sen-Vendimar
14 Jul 2026

A Asociación Galega de Viticultura (AGV-FRUGA) reclamou á Xunta de Galicia a adopción de medidas urxentes para facer fronte á situación que atravesa a Denominación de Orixe Rías Baixas, nun contexto marcado pola incerteza sobre a próxima vendima e pola preocupación crecente entre as persoas produtoras.

A organización agraria advirte de que, a poucos meses da recollida da uva, numerosas adegas estarían comunicando a súa intención de non adquirir produción este ano ou de facelo cun volume inferior ao habitual, o que está a xerar inquietude entre os viticultores e viticultoras da denominación.

Desde a AGV consideran que aínda existe marxe para adoptar medidas que eviten consecuencias máis graves para o sector e reclaman unha maior implicación da Consellería do Medio Rural. A asociación insiste en que resulta imprescindible garantir prezos que cubran os custos de produción, en cumprimento da Lei da Cadea Alimentaria.

Segundo os cálculos realizados pola entidade a partir de consultas con produtores de distintas subzonas e explotacións da denominación, os custos de produción superan en todos os casos os 1,50 euros por quilo de uva. A organización considera que esta referencia debe servir de base para establecer prezos mínimos que aseguren a rendibilidade das explotacións.

A AGV lembra ademais que no ano 2007 se acadou un acordo sectorial que permitiu fixar táboas de prezos nos contratos homologados de compravenda de uva, unha experiencia que considera positiva e que podería servir de referencia para afrontar a situación actual.

Entre as medidas que propón a entidade figura a implantación de contratos homologados que incorporen un prezo garantido para a uva, co obxectivo de evitar operacións por baixo dos custos de produción. Tamén solicita garantías para que os pequenos produtores poidan comercializar a súa colleita e evitar que parte da produción quede sen saída.

Por último, a asociación reclama unha planificación a medio e longo prazo para a Denominación de Orixe Rías Baixas, que inclúa a paralización de novas inscricións de viñedo, mecanismos que aseguren prezos dignos para a produción e un maior control dos rendementos autorizados, co fin de preservar o equilibrio do sector e a súa sustentabilidade económica.

0.46338605880737