A Asociación Galega de Viticultura reclama que as axudas da Xunta ás adegas estean vinculadas a prezos xustos para a uva

Desde a AGV defenden que os fondos públicos deben servir para incrementar o valor xerado polo sector vitivinícola e non limitarse a financiar as adegas
Uvas-Sen-Vendimar
25 Aug 2026

A Asociación Galega de Viticultura (AGV) critica que as axudas do IGAPE destinadas a facilitar ás adegas a compra de uva non estean condicionadas ao establecemento dun prezo mínimo que garanta unha remuneración xusta para as persoas viticultoras.

A entidade considera que, nun contexto de tensión no mercado, a actual convocatoria permite que as adegas beneficiarias reciban apoio público para financiar os xuros e as comisións dos préstamos destinados á adquisición de uva sen que exista ningunha esixencia sobre o prezo que posteriormente pagan aos produtores. Para a AGV, esta situación deixa novamente os pequenos viticultores nunha posición de debilidade e pode permitir que a uva se pague por debaixo dos custos de produción.

A organización cuestiona así que unha axuda pública poida beneficiar ás adegas sen garantir que o seu efecto repercuta tamén no conxunto do sector. Neste sentido, lembra que esta liña de apoio se concede desde 2023 e reclama á Xunta que avalíe se as empresas beneficiarias están pagando a uva por enriba, ao mesmo nivel ou por debaixo das que non reciben estas axudas.

Desde a AGV defenden que os fondos públicos deben servir para incrementar o valor xerado polo sector vitivinícola e non limitarse a financiar as adegas. “Unha axuda que beneficia ás adegas a bonificar xuros e comisións de préstamos para pagar a uva, pero permite a estas facelo por debaixo dos custos de produción, non é unha axuda para o sector”, sinala a organización.

A asociación reclama que calquera apoio público destinado ao sector vitivinícola estea condicionado á sinatura de contratos homologados de compra de uva, cun prezo mínimo calculado a partir dos custos reais de produción. Segundo a AGV, a normativa europea xa permite aplicar este mecanismo, polo que considera que a Xunta non tería que crear un novo sistema, senón activar esta posibilidade.

A entidade insiste así en que as políticas de apoio ao sector deben contribuír a crear valor e garantir unhas condicións económicas dignas para as persoas que producen a uva, especialmente os pequenos viticultores.

0.28268003463745