A autora Soledad García Riveiro gaña o primeiro premio no XXIX Certame Literario de Piñor

A escritora e ilustradora vén de acadar tamén o primeiro premio na categoría de adultos do IX Certame de Debuxo e Creación Literaria Avelino Díaz e o X Certame Literario Verbas Novas
Soledad García Riveiro. Autoría. Distrito Xermar
Soledad García Riveiro. Autoría: Distrito Xermar
20 Jun 2026

A escritora e ilustradora Soledad García Riveiro continúa a consolidar unha traxectoria marcada pola intensidade creativa e o recoñecemento público. A autora vén de acadar o primeiro premio na categoría de adultos do IX Certame de Debuxo e Creación Literaria Avelino Díaz coa obra “Rockwell: mazos de auga”, un novo éxito que se suma a unha serie de distincións logradas nos últimos dous meses.

Entre os galardóns máis recentes destaca o primeiro premio no XXIX Certame Literario de Piñor pola narración “Proisurus”, así como o primeiro premio no X Certame Literario Verbas Novas co relato “O torque de Mañufe”. Estes recoñecementos sitúan a autora nun momento especialmente produtivo no eido da narrativa breve.

No ámbito poético, García Riveiro tamén foi distinguida con dous primeiros premios: no I Concurso de Poesía Seraogna: a escola sen acoso pola obra “Artesa de voz” e novamente no X Certame Literario Verbas Novas polo poema “Val de mil cores”. A estes logros engádese un segundo premio no II Concurso de Relato Curto do Concello do Rosal coa peza “Lampantasma”.

A autora, coñecida polo seu proxecto de difusión do galego Emocionaria, suma xa 27 libros de literatura infantil e xuvenil. A súa obra caracterízase pola defensa da natureza, dos animais e a posta en valor do patrimonio cultural.

García Riveiro expresou a súa satisfacción polos recoñecementos recibidos, aínda que non poderá asistir á entrega do último premio por estar inmersa nun proxecto colaborativo coa Federación de Persoas Xordas de Galicia na Residencia Literaria da Illa de San Simón. Este traballo foi seleccionado pola Dirección Xeral de Cultura da Xunta de Galicia baixo o título “Poetandactianimalfabeto”.

0.33000016212463