A Axencia de Doazón de Órganos celebra este sábado o Día dos Imparables

A Axencia de Doazón de Órganos e Sangue (ADOS) quere convidar a toda a cidadanía a converterse en doantes de medula ósea como xeito de sumarse á celebración, este sábado 13 de xuño, do “Día dos Imparables”, que promove a Fundación Josep Carreras co apoio da Organización Nacional de Transplantes (ONT). Esta xornada pretende por en valor a investigación en torno a enfermidades como a leucemia e outros cancro hematolóxicos e promover a doazón de medula ósea como tratamento que permite a curación de moitos doentes.
O Día dos Imparables convida a todos os cidadáns a tinguir as rúas de laranxa, cor que representa á doazón de medula ósea, e desenvolver iniciativas que sensibilicen á sociedade sobre a importancia deste xesto solidario. Este ano o acto central da campaña desenvolverase en Bilbao, pero a Fundación Josep Carreras informa na web https://imparables.org/ das distintas iniciativas que forman parte desta xornada.
A ADOS é centro de referencia para a tipaxe de doantes de medula ósea en Galicia, mercé ao convenio de colaboración existente coa Fundación Carreras que se renova anualmente e que permite inscribir ás persoas doadoras no Rexistro Mundial de Doadores de Medula Ósea (REDMO).
Galicia incorporou 772 novos doadores de medula ósea no 2025 e, a data do 31 de decembro do pasado ano, contaba con 15.979 doantes inscritos en REDMO.
Na actualidade existen tres tipos diferentes de transplantes de medula, tamén chamados de proxenitores hematopoéticos: o autólogo, o aloxénico emparentado e o aloxénico non emparentado. Os transplantes autólogos son aqueles nos que se utilizan as células do propio paciente e os aloxénicos emparentados son os que se realizan con células doadas procedentes de familiares do enfermo.
Os transplantes aloxénicos non emparentados son aqueles nos que non se poden usar células propias e non existe un doador familiar compatible. Esta situación prodúcese no 25-30% dos casos e obriga a buscar doadores nos rexistros internacionais.
O ano pasado realizáronse en Galicia 235 transplantes, a meirande parte, 156, autólogos ou autotransplantes, e 34 transplantes foron posibles con doadores emparentados. Grazas á solidariedade dos doantes rexistrados, puideron realizase 45 transplantes aloxénicos non emparentados, cifra que medrou un 55% con respecto ao ano 2024.
Pode ser doador de medula ósea calquera persoa de 18 a 40 anos que non teña padecido ningunha enfermidade grave ou transmisible. A doazón de medula ósea ten carácter anónimo, altruísta, voluntario e universal, é dicir, doase para a persoa que o necesite de calquera lugar do mundo.
A Axencia quere agradecer a solidariedade das persoas galegas inscritas no REDMO que doan no caso de ser compatibles con estes doentes, permitíndolles recuperar a saúde e ter unha nova oportunidade de vida. Así mesmo, ADOS recolle no enlace do seu portal web, Doazón de medula ósea - Axencia de Doazón de Órganos e Sangue, información sobre este xeito de doazón.