A batalla por Meirás trasládase agora á indemnización e ao futuro uso do Pazo

Coa propiedade xa pechada polo Supremo, o seguinte paso pasa pola liquidación posesoria, o cambio rexistral e a apertura completa do inmoble ao servizo público
SADA pazo meirás
16 Mar 2026

O caso do Pazo de Meirás entrou nunha nova fase. Unha vez que o Tribunal Supremo pechou definitivamente o litixio sobre a propiedade e confirmou que o inmoble pertence ao Estado, o foco xa non está en quen é o dono, senón en como se executará a sentenza e que pasos quedan pendentes para poñer o recinto plenamente ao servizo da cidadanía.

O principal fronte aberto está agora na chamada liquidación posesoria, é dicir, no cálculo económico derivado do tempo no que a familia Franco ocupou o Pazo. O Supremo mantén o criterio da Audiencia da Coruña e recoñece aos herdeiros o dereito a reclamar os gastos 'necesarios e útiles' realizados no inmoble durante os anos en que foron considerados posuidores de boa fe. Esa cantidade non está fixada aínda e deberá concretarse agora na execución da sentenza, nunha fase que o Goberno xa avanzou que pensa pelexar xuridicamente. En 2020, a defensa dos Franco chegara a situar esa reclamación nun mínimo de 800.000 euros.

Nese punto encaixa a posición que vén defendendo o Concello de Sada. O consistorio lembrou estes días que xa advertira en 2018, a través dun voto particular na Comisión de Expertos, da importancia de fundamentar tamén a demanda na posesión de mala fe. Ao seu xuízo, se esa tese se tivese incorporado desde o inicio, a liquidación final podería ser distinta. Por iso, o Concello sostén que seguirá defendendo que a contía que eventualmente se fixe sexa a máis favorable posible para o interese público.

A actualización do caso non remata aí. Sada reclama que, unha vez firme a sentenza, se tramite xa o cambio de titularidade no Rexistro da Propiedade, que aínda figura a nome da familia Franco, para facilitar as actuacións pendentes. Entre elas está a apertura completa do inmoble e a activación efectiva do protocolo entre Estado, Xunta e Concello para definir un uso estable vencellado á memoria democrática e tamén ao legado cultural de Emilia Pardo Bazán.

En paralelo, segue o procedemento administrativo ligado ao futuro simbólico do recinto. O expediente para a súa declaración como Lugar de Memoria Democrática foi incoado o 19 de agosto de 2025, publicouse no BOE o 2 de setembro e entrou en información pública o 7 de novembro dese mesmo ano. Así, a situación actual de Meirás pode resumirse en tres verbas: propiedade resolta, indemnización en disputa e uso futuro aínda por concretar.

0.41530799865723