A campaña de vacinación da gripe arrinca en Ourense ampliando cobertura en maiores e nenos

A Xunta iniciou hoxe a campaña de vacinación contra a gripe e a covid 2025-2026 coa novidade de ampliar a cobertura en maiores de 60 anos e en crianzas desde os 6 meses. En Ourense está previsto administrar 102.000 doses.
Gripe Galicia
29 Sep 2025

O delegado territorial da Xunta en Ourense, Manuel Pardo, acompañado do xerente da área sanitaria de Ourense, Verín e O Barco de Valdeorras, Santiago Camba, visitou esta mañá a Residencia de O Carballiño para Persoas con Dependencia coincidindo co inicio da campaña de vacinación fronte á gripe e á covid da tempada 2025-2026.

A campaña, que se prolongará ata o 31 de decembro, presenta como principais novidades a ampliación da cobertura antigripal tanto en maiores como na infancia e a eliminación dos grandes recintos de vacinación. A citación realizarase de forma proactiva mediante SMS ás persoas a partir de 60 anos e ás crianzas de 6 meses a 11 anos, salvo as incluídas no programa piloto escolar. Os demais grupos de risco (embarazadas, persoal sanitario ou persoas inmunodeprimidas) deberán solicitar cita a través da APP Sergas Móbil.

Na provincia de Ourense prevese administrar unhas 102.000 doses. A vacinación en centros de saúde e consultorios comezará o 13 de outubro coas crianzas de 6 meses a 11 anos e, a partir do día 20, coas persoas maiores de 70 anos.

Programa piloto escolar

Como novidade, desenvolverase un programa piloto de vacinación escolar que abranguerá 19.000 nenos e nenas de entre 3 e 11 anos en 55 colexios galegos, dez deles na área sanitaria de Ourense, Verín e O Barco. O obxectivo é acadar unha cobertura do 70%. A vacina administrarase por vía intranasal nas propias instalacións escolares por parte dos equipos de enfermaría, previa reunión coas familias para resolver dúbidas e recoller autorizacións.

Protección fronte á bronquiolite

Ademais, a Xunta iniciou o pasado 22 de setembro a inmunización contra o virus respiratorio sincitial (VRS) nos hospitais galegos para bebés nados a partir desa data e menores de seis meses, coa fin de reducir hospitalizacións por bronquiolite. Na campaña anterior administrouse esta protección a máis de 12.700 lactantes.

⚙ Configurar cookies
0.39080286026001