A Casa da Cultura de Arzúa dedicarase a Xulio Vázquez Carril

O Concello de Arzúa fixo pública a data na que a Casa da Cultura pasará a denominarse oficialmente Casa da Cultura Xulio Vázquez Carril “O Gaiteiro de San Miguel”. O cambio farase efectivo o vindeiro 27 de xuño nun acto público de homenaxe co que o municipio quere recoñecer a traxectoria e o legado dunha das figuras máis destacadas da música tradicional galega.
Na presentación participaron familiares de Xulio Vázquez Carril, que acompañaron ao Concello no anuncio dunha xornada que combinará o acto institucional de denominación coa homenaxe a unha persoa que deixou unha fonda pegada na vida cultural de Arzúa, da comarca e de Galiza.
O alcalde de Arzúa, Xoán Xesús Carril, destacou que “poñerlle o nome de Xulio Vázquez Carril á Casa da Cultura é un acto de xustiza e de recoñecemento á súa figura”.
“Xulio foi moito máis ca un gaiteiro, foi un veciño de Arzúa que levou o nome do noso Concello alá onde foi. Co seu traballo e talento artístico contribuíu a enriquecer non só a tradición musical de Arzúa, senón tamén a de toda Galiza”, sinalou.
Xulio Vázquez Carril foi unha figura amplamente recoñecida no ámbito da música tradicional. A súa presenza en romarías, festas, foliadas e encontros culturais converteuno nun músico querido e respectado dentro e fóra do concello.
Ao longo da súa vida contribuíu a manter viva unha parte esencial do patrimonio cultural galego, transmitindo coñecementos, repertorios e formas de entender a música popular que seguen presentes hoxe. O seu exemplo serviu tamén de inspiración para moitas das persoas hoxe son referentes da música tradicional.
A nova denominación da Casa da Cultura supón un recoñecemento institucional permanente á súa traxectoria e á súa achega á cultura galega. O acto do 27 de xuño incluirá o descubrimento da placa coa nova denominación do edificio e unha programación especial na que a música terá un papel central.
O Concello de Arzúa anima á veciñanza a participar nesta xornada, que servirá tanto para facer efectiva a nova denominación da Casa da Cultura como para render homenaxe a unha figura que forma parte da historia cultural do concello e da música tradicional galega.